Francisco/Francisca

Francisco/Francisca
[ONOM]

Antropónimo procedente do latín serodio franciscus, adxectivo étnico que constitúe unha adaptación do xermánico *frankisk ‘franco, propio dos francos’; trala fusión étnica entre os francos conquistadores e a poboación orixinaria galorrománica, franciscus pasou a significar ‘francés’. Como outros adxectivos étnicos, pasou a usarse co tempo como nome persoal ou como sobrenome. Presenta a variante Franco e os hipocorísticos Farruco, Fuco, Paco, Pacucho, Pancho, Panchulo, Pipo, Cholo, Chuco, Pachico, Chicolo, Quico, Xico, Cisco, Curro, Cheche, Chicho, Chesco, Chisco, Fran, Francucho/Paca, Paquiña, Pacucha, Quica, Fuca. Este nome espallouse, especialmente, a raíz da sona acadada por san Francisco de Asís (1182-1226); tamén na tradición cristiá son moitos os santos que teñen este mesmo nome, como san Francisco de Asís (celebrado o 4 de outubro), san Francisco de Paula (o 2 de abril), san Francisco Xavier (o 3 de decembro), san Francisco de Borja (o 3 de outubro), san Francisco de Sales (o 24 de xaneiro), san Francisco Blanco (o 3 de febreiro), santa Francisca Romana (1394-1440), fundadora das Oblatas de Tor de Specchi (o 9 de marzo). San Francisco é titular dunha parroquia. Na tradición oral recóllense ditos como: “Por san Francisco bota o liño mourisco, que, se o botas por san Simón, nin estopa nin estopón”, “San Francisco vén con vela e san Xosé vaise con ela”, “San Francisco Branco, / natural do Tameirón, / farto de andar coas cabras, / foi morrer ao Xapón”.