Franco Bahamonde, Francisco
Militar e político. Fillo dun funcionario naval, en 1907, ao non poder ingresar na Escola Naval por permanecer pechada daquela, ingresou na Academia de Infantería de Toledo, onde rematou a súa formación en 1910 co grao de segundo tenente de Infantería. A súa personalidade política debe ser interpretada principalmente a través da súa traxectoria militar. Ascendeu rapidamente na escala: tenente (1912), capitán (1915), comandante (1917), tenente coronel (1923), coronel (1925) e xeneral de brigada (1926). Agás breves períodos nos que estivo destinado en Ferrol (agosto 1910-febreiro 1912) e Oviedo (1917-1920), fixo a súa carreira militar en África. En 1923 asumiu a xefatura da Lexión Estranxeira, que dirixiu na campaña do Rif, no desembarco de Alhucemas e na reconquista do Protectorado, en 1925. Ao seu retorno de Marrocos, en 1926, foi nomeado director da Academia General Militar (Zaragoza, 1928-1931). Trala proclamación da Segunda República e o peche da Academia, foi comandante militar da Coruña (1932) e comandante xeneral das Illes Balears (1933-1934). Despois do triunfo do centro-dereita en 1933, contribuíu a dirixir a campaña de Asturias de 1934; no primeiro semestre de 1935 foi nomeado xefe superior das forzas españolas en Marrocos e, con José María Gil Robles no ministerio de Defensa, foi xefe do Estado Maior Central (maio de 1935-febreiro de 1936). O goberno da Fronte Popular nomeouno comandante militar de Canarias (febreiro de 1936), onde participou nos preparativos do alzamento militar. O 18 de xullo de 1936 fíxose cargo do mando das tropas marroquís, cruzou o estreito de Xibraltar e organizou o avance cara a Madrid. De seguido acadou a dirección da Guerra Civil e, o 29 de setembro de 1936, foi nomeado xeneralísimo de todas as forzas de terra, mar e aire e, o día 30, xefe do goberno pola Junta de Defensa Nacional de Burgos. En abril de 1937 adoptou o título de Caudillo, como xefe do partido único, FET y de las JONS, e, en xaneiro de 1938, converteuse en xefe do estado e de goberno, conservando o mando superior do exército. Rematada a Guerra Civil o primeiro de abril de 1939, iniciou a reestruturación do país e creou un estado católico, autoritario e corporativo en que o exército foi o garante da orde e da autoridade ( franquismo). Foi ante todo un militar, que transmitiu a súa concepción castrense á política. O novo réxime baseábase na súa peculiar ideoloxía, de marcado talante antiliberal, anticomunista, nacionalsindicalista e nacionalcatolicista, factores apenas matizados durante a segunda metade do réxime, en que se incidiu no desenvolvemento económico que rexeitaba a autarquía inicial. Durante a Segunda Guerra Mundial as potencias do Eixe buscaron a colaboración franquista e trala entrevista con Hitler en Hendaia (23 de outubro de 1940), conseguiu atrasar a entrada formal no conflito a cambio do envío da División Española de Voluntarios (denominada División Azul) a loitar na fronte soviética. A vitoria aliada supuxo o illamento internacional, que se mantivo ata a Guerra Fría. En 1953, o acordo cos EE UU e co Vaticano significou a ruptura do bloqueo diplomático e a súa consagración definitiva como xefe único, indiscutible e vitalicio do réxime, que desde 1947 se definía como unha monarquía católica, social e representativa. Este ano foi aprobada a Lei de Sucesión a la Jefatura del Estado e a constitución de España en Reino. O proceso constituínte do réxime culminaba coa promulgación da Ley Orgánica del Estado (1967), reafirmaba os principios do Movimiento Nacional e confiaba ás institucións a designación do seu sucesor, tralo seu falecemento. O 22 de xullo de 1969 as Cortes designaron como sucesor á xefatura do Estado a Xoán Carlos de Borbón, co título de rei. En xuño de 1973 cedeu a presidencia do goberno ao seu secretario e máximo colaborador, o almirante Carrero Blanco e trala morte deste (20.12.1973), ao ministro da Gobernación, Carlos Arias Navarro. En xullo, unha enfermidade obrigouno a ceder a xefatura do estado, con carácter interino, ao príncipe Xoán Carlos, cargo que reasumiu no mes de setembro, e definitivamente o 22 de novembro, dous días despois da morte de Franco. Autor dalgunhas obras, empregou o pseudónimo de Jaime de Andrade para asinar artigos e o guión cinematográfico de Raza (1942), unha exaltación dos valores militares, e Marruecos. Diario de una bandera (1922). Outorgóuselle a Cruz Laureada de San Fernando en maio de 1939.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Ferrol -
Deceso
Lugar : El Pardo, Madrid