Franqueira, Santa María da

Franqueira, Santa María da

Santuario mariano situado en Santa María da Franqueira (A Cañiza). Existía dende o s X, e dende o s XI foi un mosteiro de monxes beneditinos ata que en 1293 confiouse á orde do Císter. Recibiu diversas doazóns e en 1481 o bispo de Tui Diego de Muros incorporoulle o mosteiro e a igrexa de Casteláns. Incorporouse á Congregación de Castela e en 1572 converteuse en abadía. A comunidade abandonou o mosteiro coa desamortización de 1835. As antigas dependencias monacais non se conservan pois as súas pedras empregáronse para construír a casa rectoral. Consérvase a igrexa, reformada no s XVIII. Ten unha soa nave e ábsida rectangular comunicadas por unha cúpula de cuarteiróns. A nave divídese en catro tramos por medio de arcos apuntados, dous deles cubertos por bóveda de canón. Reformáronse as paredes laterais ao abrírense arcos que comunicaban coa sancristía e coas dependencias monacais e que lle conferiron o aspecto de deambulatorio. A Virxe da Fonte está situada sobre un pequeno templo con catro columnas como base sobre a que se sitúa un baldaquino de madeira. A portada principal está formada por arquivoltas semicirculares que descansan sobre catro pares de columnas acobadeladas con fustes decorados. No tímpano representouse a Adoración dos Reis Magos; ás súas beiras atópanse catro escudos de armas. No lintel consérvase unha inscrición coa data de 1343. É lugar de celebración de dúas romarías, nas Pascuíñas no mes de maio e o 8 de setembro.

Palabras veciñas

franquear | Franqueira | Franqueira, A | Franqueira, Santa María da | franqueo | franqueza | franquía