franquía

franquía

(< 2 franco)

  1. [HIST]
    1. s f

      Privilexio ou exención de carácter político, económico ou xurídico que tiñan os habitantes dun lugar, vila ou comarca durante a Idade Media concedida polo soberano ou señor xurisdicional.

    2. s f

      Territorio ou localidade que gozaba da condición de franquía.

    3. carta de franquía

      Documento medieval en que se recollía a concesión efectuada polo soberano ou señor xuridisccional aos habitantes dalgunha vila, lugar ou comarca e no que se recoñecía un determinado estatuto xurídico, unhas garantías de liberdade civil e política ou a exención de cargas e tributos. Apareceron por primeira vez a finais do s XI nos territorios do N de Europa e estendéronse cara ao S durante os ss XII e XIII.

  2. s f [DER]
    1. Exención do pagamento de certos dereitos ou servicios públicos.

      Ex: Os importadores piden a anulación da franquía para paliar a crise que sofre o sector.

    2. Nas aseguradoras, tanto por cento sobre o valor dos efectos asegurados ou cantidade fixa, a partir da que comeza a contar a responsabilidade do asegurador.

      Ex: Asegurei o coche a todo risco cunha franquía de 300 euros.

  3. s f [ECON]

    Contrato establecido entre dúas empresas, polo que unha delas (franqueadora) concede a outra (franqueada) o dereito a fabricar ou utilizar unha marca comercial, a cambio dunha compensación económica.

  4. s f [MAR]

    Situación na que está un barco cando ten paso franco para se facer ao mar ou coller un rumbo determinado.

  5. s f [MAR]

    Situación en que se coloca un barco para saír dun porto ou lugar de ancoraxe. O barco colócase pola parte de fóra de todos os outros que están ancorados no mesmo lugar e nun punto onde poida xirar con facilidade e continuar o seu rumbo libre de obstáculos.

Formas incorrectas

franquicia