frase
(
-
s
f
[LING]
Construción sintáctica formada por unha palabra ou un grupo de palabras que desempeñan conxuntamente unha función dentro da unidade superior na que se integran, sexa unha oración (un paquete en Chegou un paquete) ou outra frase máis grande (con libros en un paquete con libros), ou ben que non se integran nunha unidade sintáctica superior, senón que forman enunciado de seu (Saída de emerxencia). As frases identifícanse na súa estrutura interna por posuíren todas un núcleo, que é unha palabra léxica, que pode ir acompañado, a dereita ou esquerda, por uns elementos subordinados a el que reciben o nome de complementos, determinantes ou modificadores. Por tanto, se unha frase consta dunha soa palabra, esta é o seu núcleo. Consonte a categoría léxica do núcleo identifícanse os tipos de frases: a frase nominal ten como núcleo un substantivo (aquela casa grande), a frase verbal un verbo (bebe viño), a frase adxectiva un adxectivo (moi doado de facer), a frase adverbial un adverbio (enriba da mesa) e a frase preposicional unha preposición (sobre a mesa). Algúns autores, no ronsel do estruturalismo americano, sosteñen que non todas as frases teñen núcleo. Distinguen daquela entre frases exocéntricas, sen núcleo (basicamente a frase preposicional, para algúns tamén a frase nominal), nas que identifican dúas constantes que se esixen mutuamente, en interdependencia, e frases endocéntricas, (as restantes), con núcleo e eventuais complementos subordinados. Por outra banda, na gramática xenerativa, aínda sosténdose que a frase ou sintagma é sempre proxección dun núcleo, deféndese que non só as categorías léxicas poden encabezar sintagmas, senón tamén as categorías non léxicas, chamadas menores ou funcionais, é dicir trazos gramaticais abstractos. Fálase así, adicionalmente, de frase ou sintagma inflexión, sintagma complementante, sintagma determinante, e aínda ás veces doutros tipos, como sintagma tempo ou sintagma aspectual, que terían como núcleo as categorías aspecto, tempo, determinante, complementante ou flexión, categorías abstractas que nas linguas naturais se poden substanciar como palabras, morfemas ou careceren de representación fónica. OBS: Tamén se denomina sintagma.
-
s
f
[MÚS]
Elemento dunha composición musical que comprende normalmente dous compases ou máis e que remata nunha cadencia.
-
frase feita
[LING]
Expresión estereotipada que ten un significado figurado e funciona como unha unidade léxica. Son, por exemplo, frases feitas expresións como mollar a palleta (‘beber unha pequena porción dun líquido’), non ter papas na boca (‘falar con total franqueza’) e Vállame Deus! (‘expresión de desgusto, sorpresa ou resignación’).