fraseoloxía
(
-
s
f
Conxunto de modos de expresión característicos dunha lingua, dunha época, dunha actividade, dun grupo ou dunha persoa.
-
s
f
Maneira peculiar en que un individuo, grupo ou lingua constrúe e ordena as oracións.
-
s
f
[LING]
Conxunto de expresións fixas, como frases feitas, refráns e modismos, dunha lingua ou fala. En Galicia, os primeiros traballos fraseolóxicos recóllense en obras que non son especificamente fraseolóxicas, como poden ser vocabularios, dicionarios e gramáticas, e son produto do esforzo individual e do interese persoal dos seus autores. A falta de normalización da lingua galega fixo que ata o s XVIII non aparecesen as primeiras achegas á fraseoloxía galega: o traballo do Padre Sobreira (Papeletas de un Dicionario Gallego) e os de frei Martín Sarmiento (Colección de voces y frases gallegas, Catálogo de voces y frases de la lengua gallega e Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables), publicados todos eles por X. L. Pensado no s XX. No s XIX cómpre destacar o labor de Manuel Leiras Pulpeiro, primeiro en recoller sistematicamente frases feitas; o Compendio de gramática-gallega-castellana (1864), de Francisco Mirás, con tradución dalgún fraseoloxismo do galego ao castelán; e a Gramática gallega (1868) de Xoán A. Saco Arce, tamén con tradución de fraseoloxismos do galego ao castelán. Non obstante , no s XX, ademais de recollerse fraseoloxía en distintas obras lexicográficas (dicionarios e enciclopedias), iniciouse a produción de traballos estritamente fraseolóxicos. A primeira grande achega sistemática é a de Antonio Noriega Varela que en 1928 publicou Como falan os brañegos, colección de máis de 1.200 unidades fraseolóxicas recollidas nas montañas lucenses de Mondoñedo e Abadín. Hernán Núñez escribiu o primeiro repertorio paremiolóxico titulado Refranes o proverbios en romance, que nuevamente colligiò y glossò el Comendador Hernan Nuñez […] (1955). Eladio Rodríguez González recolle no seu Dicionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961) 24.000 unidades fraseolóxicas, incluídos refráns. Leandro Carré Alvarellos na súa Gramática gallega (1967) dá a explicación de 388 unidades fraseolóxicas e moitas veces a súa equivalencia en castelán. X. Santiago Crespo Pozo en Nueva contribución a un dicionario castellano-gallego (1972-1985) recolle 3.400 expresións. Elixio Rivas Quintas en Frampas. Contribución al dicionario gallego (1978 e 1988) ofrece máis de 1.700 expresións ben localizadas. A partir dos anos noventa, co proceso de normalización e normativización do galego xa encamiñados, cómpre destacar o traballo do Dicionario Xerais castelán-galego de usos, frases e sinónimos (1990), coordinado por Gonzalo Navaza, que recolle 9.700 correspondencias coa inclusión de achegas propias do equipo redactor (tamén Gran Dicionario Xerais da Lingua, 2000). Xosé Graña Núñez en Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega (1993) ofrece algo máis de 200 equivalencias de fraseoloxismos casteláns que se recollen agalegados en lugar da forma autóctona. Carme López Taboada e Mª do Rosario Soto Arias en Así falan os galegos. Fraseoloxía da lingua galega (1995) recollen máis de 5.000 exemplos ordenados semanticamente. A Enciclopedia Galega Universal (EGU, 1998) recolle as frases feitas e refráns de obras lexicográficas anteriores, realizando un labor de normativización e escolla da fraseoloxía galega e eliminación de fraseoloxía castelá ou agalegada. O Dicionario Cumio de expresións e frases-feitas castelán-galego (2001), de X. Antonio Pena Romay, traballo sincrónico en que se recollen tanto expresións tiradas das obras lexicográficas anteriores como expresións vivas na oralidade, ademais de frases feitas de nova creación produto da incorporación do galego a novas situacións lingüísticas. Fóra do ámbito individual ou privado, os focos de estudios fraseolóxicos sitúanse na universidade e no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Na Universidade de Vigo existen importantes traballos de fraseoloxía contrastiva en que destacan investigadores como X. María Gómez Clemente, Alberte Álvarez Lugrís, Silvia Montero Küpper, Anxo Fernández Ocampo e María Teresa Veiga Díaz. Son traballos que se centran na fraseoloxía comparada (alemán, inglés, francés, portugués/galego, só puntualmente castelán), pero sen deixar de lado os estudios específicos de fraseoloxía galega. Na Universidade de Santiago de Compostela cómpre destacar o labor de María Álvarez de la Granja e do Instituto da Lingua Galega. O Centro Ramón Piñeiro xa leva publicadas distintas obras fraseolóxicas e está a traballar en varios proxectos de investigación fraseolóxica, destacando a elaboración do Dicionario de Fraseoloxía Galega, dirixido por X. Ferro Ruibal.