Frau Ruíz, Xosé

Frau Ruíz, Xosé

Pintor. Durante a súa infancia viviu en diferentes cidades e en 1913 instalouse en Huelva, onde iniciou estudios de debuxo e pintura e realizou as primeiras exposicións. Instalouse en Madrid en 1916 e comezou estudios de pintura na Escuela de Bellas Artes de San Fernando baixo a tutela de Antonio Muñoz Degrain. Presentouse á Exposición Nacional de 1916 con cadros Luces e Cercanías de Madrid. En 1917 elixírono para formar parte da primeira exposición dos pensionados de El Paular. Conseguiu a bolsa de paisaxe e coñeceu a Armando Pin de la Tour, promotor barcelonés que organizou a súa primeira exposición nas Galerías Layetanas de Barcelona. Dos cadros desta época destaca Paisajes del Paular. Participou en numerosas convocatorias da Exposición Nacional de Bellas Artes e acadou sucesivos galardóns. A partir de 1923, e grazas a un dos premios acadados, comezou a ser valorado. En 1925 integrouse na Sociedade de Artistas Ibéricos, coa que participou na exposición do Palacio do Retiro. Esta integración permitiulle o coñecemento dos artistas máis vangardistas, entre outros Benjamín Palencia, Bores, Cossío, Moreno Villa, Cortés, Dalí, e das novas linguaxes. Invitado polo Carnegie Institut, viviu en Pittsburgh (1933-1935). En 1943 obtivo a primeira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes na especialidade de paisaxe coa tea Natureza, criticada polo seu emprego das cores. A súa época de plenitude acadouna a partir de 1947 cando iniciou unha longa estadía en América. Expuxo en Bos Aires (1947), Montevideo (1948) e no 1950 instalouse en México, onde se relacionou cos muralistas Siqueiros, Orozco, Ribera e Tamayo, e cos exiliados republicanos españois. A súa pintura asumiu os ecos americanos da pintura das vangardas europeas. En 1966 instalouse en Olmeda de las Fuentes (Guadalajara). Tras diversas exposicións pola xeografía española, no ano 1974 celebrouse unha gran antolóxica das súas obras en Vigo. Dedicouse fundamentalmente á pintura de paisaxes e non foi fiel a ningunha corrente concreta. Formou parte das vangardas españolas desde a súa pertenza ao grupo Los ibéricos, no que desenvolveu un paisaxismo poscubista, como antes estivera adscrito ao postimpresionismo. Desde os inicios da súa carreira deulle importancia á cor e á materia, que intensificou desde a súa chegada a América. A súa obra está, entre outras coleccións, no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Vigo

  • Deceso

    Lugar : Madrid