Freire, Paulo
Pedagogo brasileiro. En 1947 dirixiu o Departamento de Educação e Cultura de Pernambuco e cara ao 1961 fundou o Movimento de Cultura Popular de Recife. Traballou a prol da alfabetización dos brasileiros, e dirixiu as campañas de alfabetización no N do país desde 1961 ata 1964, ano en que foi destituído polo golpe militar do xeneral Humberto de Allencar Castelo Branco. Entón viaxou a Chile onde traballou para diversas organizacións internacionais e participou nas reformas do goberno de Eduardo Frei. As súas formulacións de filosofía educativa, construídas a través do diálogo entre humanismo cristián, singularmente desde a óptica da teoloxía da liberación, e o marxismo, a través dalgunha das perspectivas críticas abertas pola escola de Frankfurt, chegaron a ter certa influencia, durante os anos setenta do s XX, nos países europeos de tradición católica. En Galicia a súa obra foi examinada e acollida desde os Coloquios de Parroquias e posteriormente desde Irimia, e foi estudada polo pedagogo Agustín Requejo Osorio. No 1968 foi nomeado consultor da UNESCO e, no 1970, do Consello Mundial das Igrexas, no sector da educación. Da súa produción cómpre citar Educação como prática da Liberdade (1967), Pedagogia do oprimido (1968), Extensão ou comunicação? A concientização no mundo rural (1973) e Educação política e concientização (1977). Recibiu (1986) o premio Paz e Educación da UNESCO.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Recife -
Deceso
Lugar : São Paulo