Frente Comixario

Frente Comixario

Publicación editada en Ourense a partir de 1985 e subtitulada “O Fanzine chachi piruli de Ourense”. Ata a súa desaparición en 1993 publicou sete números e dous especiais (un sobre zombis e outro sobre o Pelegrín). Co apoio da Casa da Xuventude de Ourense, consolidouse durante este período como a principal publicación de banda deseñada de Galicia. A súa orixe está na unión doutras dúas publicacións, Barbaña Cómics e El Vómito del Diablo, aos que se engadiron despois os promotores de Os Graxos da Burga e, desde o quinto número, o colectivo Phanzynex. Cunha tiraxe considerable, distribuíuse por toda Galicia.