Freud, Sigmund
Neurólogo e psiquiatra austríaco. Fundador da psicanálise, desde 1860 residiu en Viena, onde se doutorou (1881) en Medicina na Universidade de Viena. Inicialmente interesouse pola fisioloxía do sistema nervioso e descubriu os efectos anestésicos da cocaína. En 1885 estudiou, con Jean Martin Charcot no hospital de La Salpêtrière (París), a aplicación da hipnose na curación da histeria, feito que determinou o seu interese final polas enfermidades mentais. Posteriormente estableceu, co seu amigo e colega Josef Breuer, unha consulta privada en Viena onde trataban os pacientes neuróticos mediante a técnica da suxestión hipnótica de J. M. Charcot. Non obstante , a partir desta primeira experiencia, Freud e Breuer descubriron que os síntomas dos pacientes histéricos eran consecuencia dos efectos que exercían na súa mente certas vivencias traumáticas que permanecían no insconsciente e estaban fóra do alcance da consciencia; como produto destes descubrimentos publicaron Studien über Hysterie (Estudios sobre a histeria, 1895), onde expoñen as súas investigacións sobre o poder terapéutico da catarse -punto de partida da psicanálise, teoría que representou a ruptura con Beuer-. Segundo Freud, a vía de acceso ao insconciente eran os soños; así o plasmou na súa obra Die Traumdeutung (Interpretación dos soños, 1900) e Das Inch und das Es (O eu e o iso, 1923). En posteriores estudios estendeu a súa análise aos esquecementos e aos lapsus, e tamén aos chistes (Der Witz und seine Beziehung zum Unbewussten, O chiste e a súa relación co inconsciente, 1905). Considerou que o material conflitivo almacenado no insconsciente procedía en gran medida de traumas da infancia. Así o reflectiu en Neue Folge der Vorlesungen zur Einführung in die Psychoanalyse (Novas achegas á psicanálise, 1932) e Einführung in die Psychoanalyse (Introdución á psicanálise, 1916), obra na que ampliaba e clarificaba a súa teoría psicanalítica. En 1905 publicou Drei Abhandlungen zur Sexualtheorie (Tres ensaios sobre a teoría sexual), un dos primeiros estudios de sexoloxía no que postulaba unha importante actividade sexual do neno e definía unha serie de fases no seu desenvolvemento marcadas por diferentes zonas erotoxénicas; a fase fundamental desta evolución está marcada por un conflito psíquico, o complexo de Edipo, no que se producen complexas relacións de atracción e rexeitamento respecto aos propios pais; do éxito relativo na superación do conflito depende o desenvolvemento dunha vida sexual normal, ou ben, no de perversións sexuais. Sostivo que nestes casos a libido, ou enerxía sexual, era a forza creadora e determinante contra a que a psique establecía o seu mecanismo de defensa; posteriormente engadiu un principio destrutor ou forza de morte (destrudo). Outros traballos fundamentais sobre a sexualidade infantil son Zur Einführung des Narzissmus (Introdución ao narcisismo, 1914) e Jenseits des Lustprinzips (Máis alá do principio do pracer, 1920). En 1908 fundou a Sociedade Psicanalítica de Viena que agrupou a investigadores e alumnos seus (A. Adler, C. G. Jung, O. Rank Sachs, que finalmente se separaron das súas teorías psicanalíticas e fundaron as súas propias escolas). Tamén estudiou os fenómenos socioculturais, tratando temas tan diversos como a relixión, a moral, a civilización e a cultura. Neste campo cómpre destacar as súas obras Zur Psychopathologie des Alltagslebens (Psicopatoloxía da vida cotiá, 1904), Totem und Tabu (Tótem e tabú 1913), Das Ubehagen in der Kultur (O malestar da cultura, 1927), Die Zukunft einer Illusion (O porvir dunha ilusión, 1928) e Der Mann Moses und die monotheistische Religion (Moisés e o monoteísmo, 1939). En 1909, con motivo dunha viaxe a EEUU, recibiu o título de doutor honoris causa pola Clark University e, en 1930, recibiu o premio Goethe.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Freiberg, Moravia -
Deceso
Lugar : Londres