frigorífico -ca

frigorífico -ca

(< lat frigorificu ‘que arrefría’)

  1. adx

    Que produce frío.

  2. s m

    Aparato electrodoméstico dotado dunha sistema frigorífico e usado para conservar alimentos ou mantelos a baixas temperaturas.

    Sinónimos: neveira.
  3. máquina frigorífica [TECNOL]

    Máquina apta para a produción de frío, xeralmente mediante a evaporación dun líquido. As máis usuais son as de compresión e as de absorción. Nas primeiras comprímese un fluído frigoríxeno (amoníaco, dióxido de carbono ou dióxido de xofre, cloruro de metilo, freon, etc) contido nun circuíto pechado, que pasa á fase de vapor saturado; o vapor, ao ser comprimido, quéntase e pasa a un condensador onde, grazas a un fluído externo (aire, auga, etc), arrefríase, satúrase e, finalmente, licúase a presión constante; en estado líquido é obrigado a expandirse sen producir traballo, facéndoo pasar por unha válvula de expansión, co que se arrefría e pasa a estado de vapor non saturado; despois pasa a un evaporador onde absorbe calor e provoca un considerable descenso da temperatura do recipiente onde se localiza (efecto refrixerante) e despois de ceder a calor latente, aspírase polo compresor e volve comezar o ciclo. O frío producido no evaporador pode transmitirse directamente ao ambiente ou transportarse mediante un fluído. As máquinas de absorción basean o seu funcionamento na absorción e liberación alternativas dun refrixerante por parte dun absorbente. Destacan os sistemas de auga-amoníaco (auga como absorbente e amoníaco como refrixerante) que utilizan a grande afinidade da auga respecto ao amoníaco e aos sistemas de bromuro de litio e auga. Neste sistema o vapor refrixerado disólveo o absorbente (solución rica); a mestura pasa por un serpentín refrixerador, que extrae a calor de disolución, e vai á bomba que aumenta a presión e a introduce no xerador, onde se quenta e se separa unha parte do refrixerante en forma de vapor a alta presión e a alta temperatura. Algunhas máquinas frigoríficas funcionan segundo o sistema de compresión de gas e seguen un ciclo termodinámico semellante ao da compresión de vapor. Este sistema emprégase nos sistemas de aire acondicionado dos automóbiles e aeronaves.

Palabras veciñas

Frigiliana | frigoportador -ra | frigoría | frigorífico -ca | frigoríxeno -na | frigoterapia | FRIGSA