friulano -na
(< topónimo Friuli)
-
adx
Relativo ou pertencente a Friuli, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Friuli.
-
s
m
[LING]
Lingua románica occidental falada nas provincias de Udine, Gorizia e Pordenone (rexión de Friuli-Venecia-Xulia), que se engloba dentro do retorrománico (romance alpino ou galoalpino), xunto ao romanche e ao ladino.
Evolución histórica
Procede do latín falado na zona de Aquilea, sometido á influencia de diversos substratos, en especial o celta. Na súa conformación participaron tamén os superestratos xermánico e véneto, e os adstratos alemán, eslavo, véneto e, sobre todo, italiano. Os primeiros termos friulanos documéntanse no s XII, e o primeiro texto integramente en friulano é a Lista de inscritos na confraría dos azoutados de Cividale (s XIII). Do XIV son uns fragmentos de gramática e exercicios de versión do friulano ao latín e os primeiros textos poéticos: Piruç myo doç inculurit, anónimo, e Biello dumlo di valor, de Simon di Vitôr; de finais de século é a composición popular E la four dal nuestri chiamp. Os grandes autores aparecen a partir do s XVII, como o poeta Ermes di Colloredo. No XIX escriben os maiores clásicos da literatura friulana: Pieri Zorutti, poeta, e Catarine Percoto, prosista, e fórmase unha koiné literaria baseada no friulano central. Desde a Segunda Guerra Mundial en diante, destacan Pier Pauli Pasolini, o grupo Risultive, as revistas Il Tesaur e La Cjarande, Carlo Sgorlón, Alviero Negro. Dos 1.219.556 h [estim 2002] da rexión, o 43% utiliza o friulano na vida cotiá e un 10% faino ocasionalmente, pero todos dominan tamén o italiano. Ademais, existen uns 700.000 friulanos no estranxeiro, dos que a metade empregan esta lingua. Utilízase sobre todo nas zonas rurais e está en retroceso entre a mocidade. Ten unha débil institucionalización e un uso limitado nos ámbitos claves da sociedade, aínda que a situación pode variar trala aprobación no Senado italiano da Lei de Protección das Minorías Lingüísticas (1999), que se suma ás disposicións rexionais existentes. Atópase baixo a presión do italiano e do veneciano e carece dun estándar comunmente aceptado. Destacan a Societât Filologjiche Furlane, o Institût di Studis Furlans, a Patrie dal Friûl, a Glesie Furlane e Radio Onde Furlane.
Características lingüísticas (referidas maiormente ao friulano central)
Fonética e fonoloxía
-Trazo fonolóxico da duración no vocalismo tónico: mîl [mi:l] ‘mel’/mil [mil] ‘mil’.
-Ditongación de Ĕ, Ŏ tónicas en sílaba libre e trabada, con diversas solucións: PĔTRA > piere ‘pedra’, FĔSTA > fieste ‘festa’, SCHŎLA > scuele ‘escola’, FŎSSA > fuese ‘fosa’.
-Conservación do ditongo primario au: AURU > aur ‘ouro’.
-Perda das vocais átonas finais, excepto -a, aínda que modernamente poden aparecer outras.
-Vintetrés fonemas consonánticos: /p/, /b/, /m/, /t/, /d/, /n/, /?/, /k/, /g/, /ć/, /ģ/, /ts/, /dz/, /tʃ/, /dZ/, /f/, /v/, /s/, /z/, /ʃ/, /Z/, /r/, /l/.
-/k/, /g/ (iniciais e posconsonánticos) transformáronse en prepalatais ante a e en mediopalatais ante e, i: GAMBA > [‘ģambe] ‘perna’, CĒNA > [‘tʃene] ‘cea’.
-Conservación xeral dos grupos iniciais de oclusiva ou fricativa máis líquida: PLUS > plui ‘máis’.
-Sonorización das oclusivas xordas intervocálicas, que poden fricativizar e desaparecer: MUTARE > mudá ‘mudar’, SAPŌNE > savon ‘xabrón’, AMĪCA > amie ‘amiga’.
Morfoloxía e sintaxe
-Formación do plural mediante o morfema -s: mûr ‘muro’, mûrs ‘muros’.
-Uso do dobre pronome persoal suxeito ante as formas verbais conxugadas: tu tu duars ‘ti dormes’.
-Conservación das catro conxugacións latinas: AMARE > amá ‘amar’, TIMĒRE > temé ‘temer’, PERDĔRE > piárdi ‘perder’, SENTIRE > sintí ‘sentir’.
-Tempos dobremente compostos (pretérito, antepretérito e futuro) que poden indicar repetición da acción: ió’o ai vût amât ‘tiven a oportunidade de amar algunhas veces/teño amado no pasado’.
-Formación do imperativo negativo mediante a negación, o imperativo do verbo stá ‘estar’ e o infinitivo: no sta (a) fevelá ‘non fales’.
Léxico
-Conservación de palabras latinas que se perderon nas demais linguas románicas ou se transmitiron con outros valores: adore ‘cedo’ < AD HŌRA.
-Abundantes elementos xermánicos, en particular longobardos (flap ‘frouxo’).
-Préstamos vénetos (butiro ‘manteiga’), italianismos (primevere ‘primavera’) e eslavismos (clip ‘morno’).
Variantes
Dentro da gran variedade dialectal, pode distinguirse o friulano centrooriental, que comprende o friulano central ou común, o goriziano e o friulano da zona sudoriental do baixo Tagliamento; o friulano cárnico, subdividido en cárnico común, gortano e fornese; e o friulano occidental, que engloba o occidental común, o da zona noroccidental do baixo Tagliamento, o asino, o tramontino, o ertano e o friulano da franxa de transición friulano-véneta.