frundo
Arbusto caducifolio de ata 2 m de alto, de follaxe verde cinsenta, composta de follas de ata 8 cm de longo que no ápice son dentadas e máis anchas. A polinización é anemófila, polo que as flores son pouco aparentes e dispostas en inflorescencias apertadas. Os froitos son drupas recubertas dunha fina capa cérea. Presentan nódulos nas raíces, onde están presentes fungos actinomicetos simbióticos que fixan nitróxeno atmosférico e que facultan a planta para poder colonizar medios moi pobres en nitróxeno. Os frundos son plantas aromáticas ricas en polifenois. As follas empregáronse para conservar e dar sabor amargo na fabricación da cervexa como substituto do lúpulo, para aromatizar roupa e, en China, como infusión para facilitar a dixestión. A cortiza serviu, no País de Gales, para tinguir de amarelo a la e a cera dos froitos para a fabricación de candeas. Os froitos secos serven como especia amarga e a cocción de follas como tratamento das picaduras. O frundo distribúese polas rexións atlánticas europeas, o L de Asia e o N de América, principalmente. En Galicia está presente en medios pantanosos, bosques húmidos e turbeiras, e está ausente no interior do país.