Fuente Alonso, María Victoria de la
Pintora. Formouse no Círculo de Bellas Artes e na Escuela de Bellas Artes de San Fernando (1949-1950) e permaneceu durante dous meses na Academia Española de Roma en 1957. Entre 1959 e 1961 volveu á Escola de San Fernando como alumna libre de pintura mural. Neste eido realizou un mural para a aula magna e un panel cerámico na facultade de Ciencias de Santiago e un mural para o Instituto San Tomé de Vigo. As súas primeiras composicións recibiron a influencia do cubismo pero posteriormente encadrouse na corrente neofigurativa da pintura española e, co paso do tempo volveuse expresionista. Mantivo unha preocupación pola textura da materia e pola luz que a levou ao emprego de veladuras. Realizou bodegóns, paisaxes, que en poucas ocasións foron reais, e retratos imaxinarios nos que mostrou o dominio do debuxo. Entre outras obras cómpre destacar Retrato de miña nai (1969), A vella dama (1969), Retrato de Bertrand Russell (1970) e Retrato de J. L. Aranguren (1996). En 1964 recibiu os premios Abril e Familia Española e unha bolsa da Fundació March. Ao ano seguinte participou no Salon Feminino de París e obtivo a terceira medalla Exposición Nacional de Bellas Artes, onde conseguiu a segunda medalla en 1968. Recibiu a Medalla Castelao da Xunta de Galicia en 1997. A súa obra está presente, entre outras, nas coleccións Caixanova, Caixa Galicia, Museo da Real Academia de Bellas Artes da Coruña, Museo da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e Museo Municipal Quiñones de León de Vigo.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Vigo