Fuente Álvarez, Xenaro de la
Arquitecto, fillo de Xenaro de la Fuente Domínguez. Titulouse en 1921 na Escuela de Arquitectura de Madrid e en 1922 sucedeu ao seu pai no cargo de arquitecto municipal de Vigo. A súa obra inicial foi academicista e ecléctica e na década de 1930 mesturou as tendencias racionalistas co rexionalismo. Entre as súas obras destacan a casa para Eligio Prieto Iglesias na rúa do Príncipe (1925); a casa de vivendas na rúa Uruguai (1927?); o edificio comercial que dá ás rúas do Príncipe e Policarpo Sanz (1920-1930); o Garaxe Americano na rúa García Barbón (1929); as casas para María Iglesias Curty na praza de Compostela, esquina coa rúa Reconquista (1940); as vivendas para a Compañía Carbonera SA na praza de Compostela (1942); a escola de Peritos; e o Instituto Feminino San Tomé. Antes da Guerra Civil comezou a reordenación da Cidade Universitaria de Santiago de Compostela coa traza, nun gusto neobarroco, dos edificios principais, os colexios maiores, a facultade de Ciencias e o sanatorio de Nosa Señora da Esperanza, ademais da escalinata que comunicaba co paseo da Ferradura.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Vigo -
Deceso
Lugar : Madrid