fundición

fundición

(< fundir)

  1. s f

    Acción de fundir.

  2. s f [IND]

    Industria ou establecemento onde se realiza a fundición de metais e aliaxes e se fai a coada dentro de moldes axeitados. Unha fundición comporta unha serie de seccións que realizan as seguintes operacións: o modelado, que consiste en producir os modelos xeralmente de madeira, polistireno ou plástico, e os utensilios necesarios para modelar; o moldeado, que consiste en preparar os moldes para a coada, que poden ser de area de fundición ou de metal; a fundición, que permite pasar os metais a estado líquido e realizar aliaxes coas mesturas necesarias; a coada, na que se verte o metal ou a aliaxe líquidos en moldes; o desmoldeado, no que se abren os moldes para que saian as pezas coadas, e o desbarbado, que elimina as rebabas e asperezas diversas da superficie das pezas. A fundición pódese clasificar en artística e mecánica. A primeira utiliza aínda, en certos casos, os métodos tradicionais, sobre todo para o moldeado de pezas grandes. Á segunda pertence a elaboración de todas as pezas destinadas á construción dos motores, máquinas-ferramentas, automóbiles e avións, e utiliza procedementos de gran produción.

    1. s f [ARTE]

      Técnica empregada na escultura e na ourivería para a obtención de pezas metálicas. Os metais máis empregados son o bronce na escultura e o ouro e a prata na ourivería. As primeiras pezas fundidas foron macizas e coa evolución da técnica chegouse á realización de pezas ocas. Os procedementos máis habituais son o da cera perdida e o da area. O primeiro consiste en facer un modelo en cera da obra no que se bota o bronce fundido, e o segundo en modelar as pezas por separado en caixas de madeira recheas de area, unidas posteriormente por medio de remaches.

    2. s f [IND]

      Produto siderúrxico, non forxable, cun contido de C que pode variar entre o 1,9% e o 6,6%, con pequenas cantidades de Si e Mn e, como impurezas, con P e S. Pódense atopar eventualmente outros elementos, provenientes do mineral empregado ou adicionados como elementos de aliaxe. Segundo a velocidade de arrefriado e a presenza de elementos grafitizadores ou estabilizadores dos carburos, o carbono pode quedar en forma de grafito (fundición gris) ou formar carburo de ferro ou cementita (fundición branca). A maior parte da fundición prodúcese en alto forno, aínda que, en pequenas cantidades, tamén se obtén por fusión e recarburación de ferralla en fornos de cubilote; neste caso chámase fundición sintética. A fundición de primeira fusión, obtida no alto forno, emprégase sobre todo na produción do aceiro. A fundición gris laminar, na que o grafito está en forma de láminas, ten unha grande aptitude para ser moldeada e presenta unha boa resistencia á fatiga e á corrosión, unha boa condutividade térmica e unha gran facilidade para ser mecanizada. Se se engaden á fundición pequenas cantidades de Ce ou Mg, o grafito forma módulos ou esferas en lugar da forma laminar, e obtense, así, a fundición gris modular ou esferoidal. Esta fundición presenta unha gran resistencia á ruptura, un elevado límite de elasticidade e unha elevada resiliencia, e por este motivo é un bo material para a construción. A fundición branca é fráxil, e non se pode mecanizar facilmente. Se se somete a un tratamento de descarburación e de grafitización, obtense unha fundición maleable branca, se o proceso se realiza nunha atmosfera oxidante, ou unha fundición maleable negra, se a atmosfera é neutra.

    3. s f [IND]

      Procedemento para conformar metais a través da modelaxe do metal fundido. É característico e fundamental neste proceso a existencia dun cambio de fase na conformación do metal. Utilízase na fabricación de pezas de aceiro, bronce, latón, aliaxes de aluminio, de magnesio, de cinc, de estaño, de chumbo ou de níquel. A composición, a temperatura de fusión e a tensión superficial do metal fundido son moi importantes para poder someter o metal ou a aliaxe a este procedemento. Existen tres tipos de fundición: en lingoteiras, en coada continua e en moldes. A fundición en lingoteiras emprega a fundición de primeira fusión, á que se engaden os elementos necesarios para a aliaxe, que se baleira en lingoteiras mediante coada por gravidade ou a presión. A fundición de coada continua utilízase na obtención de lingotes ou perfís e consiste na eliminación dos inchados e segregacións, lonxitudinais ou transversais. Ao mesmo tempo, os constituíntes secundarios quedan divididos finamente porque o tempo de precipitación é menor. As pezas acabadas obtéñense a través do procedemento de fundición en moldes. A fundición por coada centrífuga utilízase para obter pezas cilíndricas dunha grande homoxeneidade.

    4. fundición de rolos [GRÁF]

      Operación que consiste en fundir a pasta e logo botala nas formas cilíndricas que xa están preparadas para iso.

  3. s f [GRÁF]

    Conxunto de letras que pertencen a un mesmo tipo ou que posúen un mesmo corpo.

Palabras veciñas

fundible | fundibulario | fundíbulo | fundición | fúndico -ca | fundido -da | fundidor -ra