Fura dels Baus, La
Grupo de teatro formado en Barcelona en 1979. Defínese como un grupo urbano que busca o espazo escénico fóra do ámbito tradicional. Os seus espectáculos buscan a provocación do espectador, o impacto a través de diversas sensacións (medo, agresión, angustia, sorpresa, etc). Os espectáculos máis destacados da primeira etapa foron Accions (1984), Suz/ o /Suz (1985) e Tier Mon (1988). Co espectáculo Noun (1990), o grupo introduciu elementos novos, como a presenza de actrices e a utilización do vídeo. Na cerimonia de inauguración dos Xogos Olímpicos de Barcelona (1992) presentou un novo espectáculo baseado no mito de Hércules. En 1994 o grupo estreou M.T.M., unha denuncia da manipulación da información. Posteriormente preparou BOM, un proxecto de celebración en vinte e catro cidades do final do milenio. No ano 2002 realizou a montaxe ATA 25 no xacemento arqueolóxico de Atapuerca.