Furelos
Río afluente do Ulla pola dereita. Nace en Santa María das Brañas (concello de Toques), da confluencia de varios regos que baixan dos montes do Corno do Boi, na vertente occidental da serra do Careón. O seu curso adopta unha dirección N-SO coa que atravesa as parroquias de Paradela, A Capela e Magoeiro; nesta última vira cara ao L e fai de límite coa parroquia de Abeancos (Melide). Recupera a dirección S e constitúe o límite entre as paroquias de Oleiros (Toques) e Abeancos e Melide. Despois segue pola parroquia de Furelos. No límite entre Moldes (Melide) e Vimianzo (Santiso), recibe o Catasol, que descende pola cara meridional dos montes do Bocelo. Drena por último as parroquias de Niñodaguia e Barazón, no concello de Santiso, onde desemboca, despois dun percorrido de 20 km.