fusión
(< lat fusĭōne)
-
s
f
[FÍS]
Paso dunha substancia do estado sólido ao estado líquido. Ao aumentar a temperatura dun sólido cristalino, aumenta tamén a amplitude de vibración dos átomos da rede cristalina, ata que, ao chegar a unha certa temperatura, chamada temperatura de fusión ou punto de fusión, a orde cristalina empeza a desaparecer e iníciase a fusión do sólido, durante a que a temperatura se mantén constante. O punto de fusión é fixo e diferente para cada substancia cristalina. Chámase calor de fusión á calor necesaria para fundir un gramo ou quilogramo dunha substancia determinada.
-
s
f
-
Unión de dous partidos, intereses ou ideas que antes eran distintas ou se opoñían.
-
[ECON]
Creación dunha sociedade a partir de dúas ou máis existentes que traspasan o seu patrimonio en bloque á de nova formación, ou absorción de dúas ou máis sociedades por outra xa existente que adquire o patrimonio das extinguidas. A fusión pode ser vertical, que tende a abarcar todas as transformacións dos produtos, dende a materia prima ata o artigo rematado, ou ben horizontal, que ten como obxectivo a reunión de industrias cun mesmo tipo de produción.
-
-
s
f
[LING]
Proceso polo que dous fonemas ou máis se converten nun só. Ás veces, pode producirse unha fonoloxización.
-
fusión de municipios
[DER]
Alteración dos terreos municipais pola unión de dous ou máis municipios limítrofes co fin de construír un novo.
-
fusión nuclear
[FÍS]
Reacción nuclear exoenerxética consistente na reunión de dous núcleos atómicos para formar outro máis pesado, con posible emisión dun neutrón ou dun protón. A produción de enerxía mediante fusión nuclear xa foi considerada en 1928, pero os primeiros experimentos serios non comezaron ata 1950. A fusión nuclear, ao contrario ca a fisión, non produce residuos radioactivos perigosos. A enerxía de enlace dos núcleos atómicos por nucleón pasa por un máximo para núcleos de número atómico A arredor de 60; é por iso que os núcleos lixeiros (A<60) liberan enerxía ao fusionarse, e os pesados (A>60) fano ao fisionarse. A necesidade de empregar temperaturas moi elevadas, arredor de centos de millóns de graos, fixo que se lle dera á enerxía de fusión o nome de enerxía termonuclear. A estas temperaturas os átomos son totalmente ionizados e o gas recibe o nome de plasma. Para controlar a fusión hai que levar o plasma a unha temperatura moi elevada; a estabilidade do plasma conséguese ao confinalo mediante potentes campos magnéticos, xerados en complexos dispositivos, como o tokamak. Cabe destacar o programa europeo do JET (Joint European Torus). En 1991 no JET de Abingdon (Gran Bretaña), conseguiuse manter a fusión nuclear controlada, con produción significativa de enerxía, durante dous segundos, a unha temperatura comprendida entre os 200 e os 300 millóns de graos. Por outra banda, en 1989 os químicos M. Fleischmann, da Universidade de Southampton, e S. Pons, da Universidade de Utah, manifestaron ter realizados o proceso de fusión nuclear de átomos de deuterio no laboratorio, a temperatura ambiente (fusión nuclear fría) grazas a un catalizador de paladio; proceso que é causa de controversia.