futuro -ra

futuro -ra

(< lat futūru)

  1. adx

    Que sucederá ou será.

    Ex: Nos anos futuros estaremos máis modernizados. Os futuros profesionais van estar mellor preparados.

  2. s m

    Tempo que vai vir.

    Ex: Ten grandes proxectos para o futuro.

  3. s m

    Posibilidade de triunfar ou de ter porvir algo.

    Ex: Este rapaz vai ter bo futuro. O seu futuro non está nesta fábrica. Iso que dis non ten ningún futuro.

  4. s m

    Persoa que ten un compromiso formal de casamento con outro.

    Ex: Presentoume ó seu futuro.

  5. s m [DER]

    Dereito á sucesión dun beneficio ou dun cargo, cando aínda está vacante.

  6. [FILOS]
    1. s m

      Un dos tres momentos constitutivos do fluxo temporal e do ser no tempo e que fai referencia, especificamente, á posibilidade de ser.

    2. futuro continxente

      Futuro, na escolástica, que non está determinado causalmente e que, polo tanto, pode acontecer ou non.

  7. [LING]
    1. futuro de indicativo

      Tempo verbal que indica posterioridade ao propio acto de fala (orixe) (O luns próximo sairá o tomo número doce da EGU). Aparece en correlación co presente, pretérito e co pospretérito. A partir da súa significación básica de futuridade (Sabereino hoxe pola tarde, os adverbios de tempo e outros elementos oracionais permiten que o futuro sexa conmutable polo presente), pode adquirir, entre outros, os seguintes valores: obrigatoriedade (Mañá non sairás); probabilidade, coincide co propio acto de fala e ten relación co presente (Serán as doce); cortesía, para atenuar a forza impositiva do presente (Darasmo para min?); retrospectivo (Durante a súa mocidade, Rafael vivirá mil aventuras); enfático, substitúe o presente (Saberás que estou en desacordo); irónico (-Éche un bo rapaz. -Serache); e argumentativo (Pensaredes que me virou o sentido). Morfoloxicamente presenta, nos verbos regulares, un sufixo modo temporal /re/-/ra/ tónico en distribución complementaria: /re/ para a P1, P4 e P5 (am-a-re-i, am-a-re-mos, am-a-re-des) e /ra/ para a P2, P3 e P6 (am-a-rá-s, am-a-rá, am-a-rá-n). Diacronicamente, estas formas verbais proceden das formas latino-vulgares reducidas do presente de HABĒRE (*AĬŌ, *AS, *AT, *(AB)ĒMŬS, *(AB)ĒTĬS, *ANT), que se combinan co infinitivo do verbo que se conxuga (AMĀRE HABĔO ‘hei de amar’ > AMĀRE+*AĬŌ ‘amarei’). A P1 do futuro pode presentar en falas do bloque occidental un -n (amarein) ou tamén unha redución do ditongo (amarén).

    2. futuro de subxuntivo

      Tempo verbal non real que marca a eventualidade na posterioridade ao propio acto de fala (orixe) (Irán os que acabaren as tarefas) e, polo tanto, sempre se refire a unha acción futura e probable. Tivo plena vixencia funcional no galego-portugués medieval, pero foi progresivamente desprazado polas outras formas de subxuntivo e mais polo presente de indicativo. No galego moderno case non se emprega na fala nin na lingua literaria, aínda que se conserva fosilizado en refráns e no cancioneiro popular e está máis presente nos rexistros formais da lingua escrita, en documentación xurídica e administrativa. Nunca se usa en cláusulas independentes, e está en correlación, fundamentalmente, co presente e futuro de indicativo máis subxuntivo presente-imperativo (Cando viñeres pola casa, contareicho). Pode recollerse en cláusulas temporais (Ata que Deus quixer!), modais (Sexa como for, quero agradezercho), relativas (Onde vires moito fume nunca te vaias quentar, que leña verde alí arde ou morriñada do unllar) e condicionais (Se o cliente non me pagar nun ano, vouno denunciar). Morfoloxicamente, presenta, nos verbos regulares, un sufixo modo temporal /r/-/re/ en distribución complementaria: -r- para a P1, P3, P4 e P5 (am-a-r, am-a-r, am-a-r-mos, am-a-r-des) e -re- para a P2 e P6 (am-a-re-s, am-a-re-n). Diacronicamente, procede das formas latino-vulgares do futuro perfecto de indicativo (AMAVERO, formado coa raíz do pretérito máis as formas de futuro de ESSE como terminación), coa influencia do perfecto de subxuntivo (AMAVERIM) (AMA(VĔ)RŌ > amar).

    3. futuro do pretérito

      pospretérito.

Refráns

  • De aquí a alá ¡quen sabe o que pasará I será!
  • De boxe nun ano ¡quen sabe o que pasará!: o que viva, o verá.
  • Detrás virá quen bo me fará.
  • Ninguén pode saber a ventura que ba ter.
  • O día de mañá inda non o vimos.
  • O día de mañá non o vemos nunca.
  • Os vivos o verán, que os mortos non poderán.
  • Outro virá que bo me fará.

Palabras veciñas

futuridade | futurismo | futurista | futuro -ra | futurólogo -ga | futuroloxía | Fuvelià