futurismo
(
-
s
m
[ARTE/LIT/MÚS]
Movemento artístico, literario e musical de vangarda. Foi dado a coñecer mediante o Manifeste du futurisme, publicado en Le Figaro (22.2.1909) e redactado polo poeta Filippo Tommaso Marinetti. Postulaba o rexeitamento da tradición e da conservación do pasado e unha exaltación das innovacións, sobre todo mecánicas, presentes e futuras. O programa degradouse pouco a pouco e en Italia chegou ata a colaboración co fascismo. En 1920 iniciouse un período de loita e publicáronse os seus voceiros. Na arte, significou unha reacción contra o simbolismo e contra o modernismo e unha vontade de violencia, que foron ben acollidas por Umberto Boccioni, Gino Severini, Giacomo Balla, Carlo Carrà e Luigi Russolo, que asinaron o Manifesto della pittura futurista (11.2.1910) e dous meses máis tarde o Manifesto tecnico della pittura futurista. Negaban o academicismo, opoñíanse aos críticos da arte e, sobre todo, exaltaban a orixinalidade e a afirmación do dinamismo universal. Foron os primeiros artistas da civilización tecnolóxica. Como grupo manifestouse na Mostra d’Arte Libera (Milán, 1911) e na Galerie Bernheim-Jeune de París (1912), onde foi presentado por F. Féneon. En 1912 Boccioni publicou o Manifesto tecnico della scultura futurista. Despois da Primeira Guerra Mundial, o futurismo continuou en Italia, onde G. Balla e algúns discípulos desenvolveron o chamado segundo futurismo. Entre as obras características do futurismo destacan Formas únicas de continuidade no espacio (1913), de U. Boccioni, e O paseo dun can amarrado (1912), de G. Balla. No eido teatral, o futurismo italiano deu a coñecer diversos manifestos, como o titulado Teatro di varietà (1913), ou o célebre Il Teatro Sintetico Futurista (1915), e organizou a celebración de diversas veladas, normalmente celebradas en teatros, como a titulada Le Basi (1915). Promoveu diversas experiencias no terreo da plástica escénica coas achegas de Giacomo Balla, Fortunato Depero, Enrico Prampolini ou Luigi Russolo, que presentaron diversas accións mecánicas creadas a partir dunha nova relación entre a iluminación, o vestiario, a escenografía e a dimensión mecánica do movemento, prefigurando o nacemento do happening e da performance. O futurismo ruso deriva nun principio do italiano pero desenvolve características propias. Recibiu a influencia do cubismo e agromou en parladoiros literarios e artísticos que tiñan lugar en cafés de Odessa, Kiev, Moscova ou San Petersburgo, onde hai que situar a andaina do Brodyachaya Sobaka (O can de palleiro ou Can sen dono), aberto entre 1912 e 1915 e onde acudían artistas como Ana Akhmatova, Sergej Prokofiev, Olga Sudeikina, Boris Pronin ou Vladimir Maiakovskij. No movemento tamén participaron activamente outros artistas vinculados ás artes escénicas como Nikolaj Evreinov, Kasimir Malevič, Nikolaj Foregger ou Vsevolod Meyerhold, que promoveron o desenvolvemento dun construtivismo teatral no que cobrou especial relevancia o movemento mecánico, a abstracción e a exploración formal, premisas a partir das que Meyerhold desenvolveu a súa teoría da biomecánica. Ao mesmo tempo, os futuristas rusos potenciaron a recuperación de formas teatrais pertencentes a diversas tradicións escénicas de raíz popular, como o circo, sobre todo a partir das colaboracións de Vitalij Lazarenko. No campo da literatura, Marinetti proclamou o Manifesto tecnico della letteratura italiana (11.5.1912), baseado nas “palabras de liberdade”, que propugnaba a destrución total da sintaxe, aceptaba o infinitivo como única forma verbal e introducía unha tipoloxía nova. Tamén son remarcables escritos de A. Palazzeschi, C. Govoni e A. Soffici. Na URSS difundiuse o futurismo literario mediante o manifesto de 1913. Antiburgués, o movemento tivo o seu punto culminante nos primeiros anos da revolución, con Majakovskij, A. E. Kručenyč, V. V. Kamenskij, E. G. Guro e V. V. Khlebnikov. O futurismo musical apareceu en 1910. Incorporou o ruído á linguaxe sonora e difundiu a convicción de que a máquina dominaría a creación musical. F. Balilla Pratella creou as obras musicais Inno alla vida (1913) e L’aviatore Dro (1915). A produción dos ruídos facilitárona os instrumentos intonarumori e rumorarmonio, inventados por Luigi Russolo, autor do Manifesto dell’arte dei rumori (1913), onde propugnou unha música semellante á poesía de Marinetti. No eido fotográfico, cómpre salientar as imaxes de automóbiles e de aparatos relacionados coas novas tecnoloxías, obra dos irmáns Bragaglia, que en 1913 se sumaran ao movemento. Pola súa parte, Anton Giulio publicou Fotodinamismo futurista (1913), onde plasmaba as evolucións deste movemento no campo fotográfico.
-
s
m
Actitude vital orientada cara ao futuro.