Gales

Gales
Nome científico: [galés: Cymru]

País de Europa Occidental, no Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda do Norte, que ocupa unha península case que rectangular no SO da Gran Bretaña (20.779 km2; 2.933.500 h [estim 1998]). Limita ao S coa canle de Bristol, ao N co mar de Irlanda e ao O coa canle de San Xurxo. Polo L os Montes Cambrianos marcan a fronteira con Inglaterra. A súa capital é Cardiff (Caerdydd).
Xeografía física
Gales é un país moi montañoso e cunha costa cha, apta para os cultivos. A illa nórdica de Môn (Anglesey) é a de formación xeolóxica máis antiga, de cronoloxía paleozoica. Os sistemas montañosos de Wyddfa, Rhinogs e Cadair Idris, situados ao S de Anglesey, forman as raíces do macizo situado detrás de Harlech. O Gales central, formado por xistos silurianos e ordovícicos, preséntase cos ermos das montañas de Pumlumon, onde nacen os grandes ríos do Gales central e meridional: Gwy, Hafren, Teifi e Tywi. A terceira gran formación xeolóxica de Gales é a do denominado Vello Mar Vermello, base da gran conca carbonífera do Gales meridional. Despois do período Carbonífero tivo lugar o segundo importante movemento terrestre, que afectou principalmente ao Gales meridional, co dobramento armoricano. Os últimos dous movementos tectónicos que deron forma ao aspecto actual de Gales foron o afundimento (con todo o NO europeo) baixo o mar e a formación dos depósitos calcarios que emerxeron co dobramento alpino.
Xeografía económica
A extracción de carbón (hulla e antracita) foi a principal fonte de riqueza ata a aparición do petróleo. Estas explotacións localizábanse ao SL, e os portos de Cardiff e Casnewydd-arWysg convertéronse nos maiores centros de exportación deste produto. Nas costas chas do S e do SL espállanse as ricas explotacións agrícolas con importantes e prósperas ganderías e comercialización dos produtos lácteos. Durante o s XIX e comezos do XX desenvolvéronse as canteiras de lousa. Tamén resulta destacable o aproveitamento dos seus recursos hídricos para a produción de enerxía eléctrica, sector no que tamén destaca a de orixe atómica. A industria siderúrxica radica no N, na conca hulleira. O maior complexo siderúrxico localízase na costa, en Port Talbot; Casnewydd-ar-Wysg é outro núcleo siderúrxico, máis moderno. A capital, Cardiff, só estende a súa área de influencia comercial e de servicios sobre unha terceira parte do país, pois o desenvolvemento da rede urbana e a súa localización no extremo meridional do país réstanlle mercado.
Xeografía humana
A poboación distribúese de forma desigual polo territorio, xa que mentres a conca hulleira e o val de Morgannwg acollen ao 75% dos habitantes, as montañas e os altiplanos están practicamente deshabitados. En 1901 Gales acadou os dous millóns de habitantes grazas á inmigración de ingleses e irlandeses e ao crecemento na natalidade; en 1921 aumentou ata 2.660.000 h. A crise económica, o paro e as dúas guerras mundiais fixeron que as cifras descenderan.
Historia
Gales corresponde ao territorio ocupado polos descendentes da rama britónica dos celtas. Tralo abandono do territorio polos romanos cara ao 410, a mediados do s V produciuse a invasión dos anglos, saxóns e xutos, que empurraron a poboación de orixe celta cara aos territorios de Gales, Escocia, Cornualla e a Bretaña. O Rei Artur, un celta romanizado, resistiu os seus ataques e foi neste momento cando a lingua britónica se desenvolveu ata chegar ao galés e cando xurdiron os grandes poetas como Aneurin e Taliesin (s VI). Os monxes celtas de orixe irlandesa difundiron o cristianismo entre os galeses a partir do s VI. Despois das batallas de Dyrham (577) e Chester (616), os celtas de Gales quedaron illados dos do S de Escocia e Cornualla, e a partir do s VII comezaron a denominalos galeses. Neste período o territorio repartíase entre múltiples reinos e a poboación, formada por clans de pastores e granxeiros, sostiñan loitas fronteirizas cos reinos da heptarquía anglosaxona. Na segunda metade do s VIII chegouse a un acordo e construíuse un muro de terra, denominado dique de Offa, polo rei de Mercia, que estableceu os límites dos seus territorios con Gales. O Rei Rhodri Mawr (Rhodri o Grande) conseguiu reunir todos os territorios celtas galeses mediante alianzas matrimoniais antes da súa morte (878). Sucedeuno Hywel Dda (Hywel o Bo) que codificou e unificou as leis galesas, pero trala súa morte no 950 o país fragmentouse politicamente e sufriu os ataques dos viquingos e dos anglosaxóns. A comezos do s XI apareceu a figura de Gruffydd ap Llywelyn, que unificou baixo o seu poder o territorio galés ata a súa morte (1063). Inicialmente a conquista normanda limitouse á instalación ao longo da fronteira dun conxunto de nobres designados polo monarca, denominados Lords Marcher, que gozaban dunha notable autonomía e exercían a súa xurisdición en amplos territorios. No interior do país os galeses ofreceron unha dura resistencia, adoptando unha táctica de guerrillas apoiados na mobilidade dos grupos de pastores e nas dificultades do terreo. A mediados do s XII os normandos impuxeron o seu culto fronte aos santos galeses e eliminaron a vella estrutura relixiosa galesa das novas catedrais. Trala morte de Enrique I de Inglaterra reconquistáronse moitas terras da antiga fronteira do dique de Offa. No s XIII, baixo o liderado de Llywelyn o Grande, volveuse unificar o territorio galés, pero durante o reinado de Eduardo I emprendeuse unha loita para unificar Gran Bretaña e despois de derrotar o xefe galés, Llywelyn ap Gruffydd, polo Tratado de Rhuddlan (1284), o territorio repartiuse entre os Lords Marcher que axudaran a Eduardo I. O tratado respectou boa parte da lei galesa, estableceu as bases dos dereitos civís e dividiu o territorio en distritos administrativos e legais similares aos de Inglaterra. En 1294 produciuse unha nova rebelión encabezada por Madog ap Llewelyn que dominou Gales, pero Eduardo I someteu de novo o territorio e desapareceron moitos dos privilexios que contiña o Tratado de Rhuddlan. O resentimento contra os ingleses estableceu as bases para unha nova rebelión contra estes dirixida por Owain Glyndwn (1400) que atacou as terras dos nobres veciños e co apoio dos galeses, tomou o castelo de Conwy. En 1404 Glyndwn convocou o Parlamento en Machynlleth e foi coroado Príncipe de Gales fronte aos enviados de Francia, Escocia e Castela. Foi derrotado por Enrique V de Inglaterra (1416). Durante o reinado de Enrique VII firmouse a Lei ou Acta da Unión (1536) que fixou a soberanía inglesa sobre todo o país e rematou coas esperanzas de independencia de Gales. A partir deste momento a nobreza trasladouse a Inglaterra, as leis galesas codificadas foron inutilizadas, estableceuse como sistema hereditario dominante a primoxenitura fronte á divisibilidade tradicional e comezou o ataque á lingua coa prohibición do emprego do galés. Pola contra, no s XVI o galés gañou o favor oficial e esixiuse que todos os funcionarios o comprenderan e, trala creación da Igrexa anglicana, traduciuse a Biblia ao galés (1588), feito que permitiu a preservación da lingua. No s XVIII o país vivía sumido nun elevado fervor relixioso inspirado por Griffith Jones, reitor galés do condado de Caerfyrddin, que ensinou a ler e escribir o galés da Biblia e favoreceu o renacemento relixioso apoiado no Movemento Metodista. A sociedade galesa experimentou un importante cambio dende mediados do s XVIII coa chegada dunha masa proletaria inglesa para traballar nas minas de carbón e nas industrias do ferro e do aceiro. Durante o s XIX deuse un progresivo despoboamento do campo, mentres que se desenvolveu o nacionalismo galés e alternaron no goberno o partido liberal e o partido laborista. No 1886 constituíuse o Mudiad Cymru Fydd (Movemento polo Futuro dos Galeses) co obxectivo principal de acadar o autogoberno para Gales, pero fracasou. A conflitividade laboral e os disturbios industriais estendéronse en Gales durante as primeiras década do s XX, especialmente nas folgas de ferroviarios en Llanelli e as folgas mineiras no val de Cynon, que levaron á intervención do exército para impoñer a orde e as condicións laborais dos patróns. O nacionalismo galés deu un novo paso cando a Igrexa anglicana perdeu o seu carácter oficial (1914) e a Igrexa metodista, marcadamante nacionalista, puido desenvolverse con liberdade. En 1925 fundouse o Plaid Genedlaethol (Partido Nacional), como unión do Cymdeithas Genedlaethol Gymreig (Sociedade Nacional Galesa) e o Mudiad Cymreig (Movemento Galés). Posteriormente coñeceuse como Plaid Cymru e presentou candidatos ás eleccións para acadar o autogoberno. No 1963, dentro do movemento de renacemento cultural constituíuse a Cymdeithas yr Iaith Gymraeg (Asociación a favor da Lingua). Trala vitoria dos laboristas nas eleccións xerais de 1964, James Griffiths foi nomeado ministro de Asuntos Galeses e, entre as súas atribucións, incluíuse a provisión de vivendas, o goberno local e as estradas. Despois da elaboración dun proxecto de autonomía para Gales, a Devolution Act, rexeitouse por referendo no 1979. Nun novo referendo en 1997 a maioría dos galeses votaron a favor da devolución, que se reflectiu nunha Lei do Goberno de Gales (1998). Esta normativa dispuña o establecemento da Asemblea Nacional de Gales, con sede en Cardiff, que se aprobou en 1999 e asumiu, entre outras, as funcións sobre a lingua galesa (que se está recuperando fronte á imposición do inglés durante tantos séculos), as artes e o patrimonio cultural, a industria, a educación e a capacitación, o desenvolvemento económico, os servicios sociais, a agricultura e a pesca, o medio ambiente, a vivenda, a saúde pública, a rede viaria, as administracións locais, a planificación urbana e rural e o turismo.