Galicia Mártir

Galicia Mártir

Álbum de estampas de Castelao publicado en València en 1937, xunto co álbum Atila en Galicia, no que describiu a represión durante a Guerra Civil. Inspirouse nos cartóns para tapices de Raemaekers e, do mesmo xeito que fixera Goya en Los desastres de la guerra, a súa denuncia non se limitaba neste caso á Guerra Civil senón a todo tipo de barbarie. Cada debuxo, no que predomina o claroscuro, vai acompañado dunha lenda de carácter irónico que lle dá título. Está formado polos debuxos: Este é o deus dos feixistas; Queiman, rouban e asesinan no teu nome!; Arriba os probes do mundo!; Así aprenderán a non ter ideas; Cobardes! Asesinos!; A derradeira lección do mestre; Non enterran cadavres, enterran semente; Van a matarnos, pero venceremos; Esta door non se cura con resiñación; e Superviventes.