Galilea
Rexión que abarca, desde 1967, a parte setentrional do altiplano interior de Palestina, no Estado de Israel. Ao N está limitada polos últimos contrafortes meridionais do Líbano e do Antilíbano. A chaira de Esdreló limítaa polo S. O río Xordán e o lago de Xenesaret, no mar de Galilea, limitan esta rexión polo L e ao O localízanse as chairas de Zabuló. A súa economía baséase na agricultura, favorecida polas chuvias, e na pesca, que se realiza no lago de Xenesaret. Conquistada por Tiglath-Pileser III no 732 a C incorporouse ao Imperio asirio e sufriu o traslado de moitos habitantes. O rei asmoneo Alexandre Xaneo (103-76 a C) integrouna nos seus dominios. Posteriormente, formou parte da tetrarquía gobernada por Herodes Antipas e no 34 incorporouse á provincia romana de Xudea. Foi o centro da predicación de Xesús. En 1947 integrouse no sector xudeu de Palestina e posteriormente no Estado de Israel.