Gallego Jorreto, José Manuel
Arquitecto. Doutor en Arquitectura pola Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid (1968), foi bolseiro en Oslo, onde traballou con Erlin Vuksjo, e en 1968 en París para realizar o Cours des Techniques d’Urbanisme. Profesor de urbanismo na Escola Superior de Arquitectura da Coruña dende 1984, foi arquitecto xefe dos servicios provinciais de urbanismo da Coruña. Realizou, entre outras obras, as casas da cultura de Valdoviño e Chantada, a rehabilitación do Teatro Rosalía de Castro na Coruña, os Institutos Universitarios de Investigación do campus sur da Universidade de Santiago de Compostela e o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. Colaborador de Obradoiro, Boletín Académico da ETSA da Coruña, Dársena, On diseño e, entre outras obras, en A Galicia rural na encrucillada (1975), Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos (1978), Isaac Díaz Pardo: un proxecto socio-cultural para Galicia (1990) e noutros catálogos de exposicións. Pertence ao Consello da Cultura Galega. Recibiu, entre outros galardóns, o Primeiro Premio Julio Galán polo Museo de Arte Sacro da Coruña, o Premio Nacional de Arquitectura Española e o VII Premio COAG polo Museo de Belas Artes da Coruña (1996), o Premio da Crítica de Galicia de Ciencias e Artes da Representación (1997), o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (1996) e o Premio Galicia de Arquitectura.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Carballiño