Galli
Familia de artistas italianos que destacou na realización de escenografías para óperas, bailes, festas e cerimonias relixiosas. Coñecida co sobrenome de Bibiena ou Bibbiena, fundouna o pintor Giovanni Maria Galli (Bibbiena, Arezzo 1625 - 1665). Os seus fillos foron Ferdinando Galli (Boloña 1657 - 1743), pintor e arquitecto, que traballou ao servizo dos Farnese e de Carlos VI de Austria, e que escribiu, entre outros, o tratado L’architettura civile preparata sulla geometria e ridotta alla prospettiva (1711); e Francesco Galli (Boloña 1659 - 1739), arquitecto do Teatro Filarmonico de Verona e do Alibert ou Delle Dame de Roma. A terceira xeración está representada polos fillos de Ferdinando: Giovanni Maria Galli (1691 - 1777), que traballou en Nápoles e Praga (1749-1769); Alessandro Galli (Parma 1687 - Mannheim 1769?), autor da igrexa dos Xesuítas de Mannheim (1733-1756), onde comezou a construción do palacio en 1740; Giusseppe Galli (Parma 1696 - Berlín 1756), sucesor do seu pai na corte de Viena, que foi autor, entre outras obras, do interior da Ópera de Bayreuth (1748) e publicou Architetture e prospettive (1740); e Antonio Galli (Parma 1700 - Milán 1744) autor, entre outros, do teatro Comunale de Boloña (1756-1763). Destacaron tamén Giovan Carlo Sicinio (? 1709? - Lisboa 1760), fillo de Francesco Galli, activo en Portugal, e Carlo Galli (1728 - 1787), fillo de Giuseppe Galli, que traballou co seu pai nalgúns países europeos.