2 galo -la

2 galo -la

(

    1. adx

      Relativo ou pertencente á Galia, aos seus habitantes ou á súa lingua.

    2. s

      Natural ou habitante da Galia.

    3. s [ETN/HIST]

      Individuo do pobo galo.

    4. s m pl [ETN/HIST]

      Pobo celta de orixe indoeuropea que se estendeu no territorio comprendido entre o val do Po no N de Italia e os Pireneos ata a Bélxica actual. A súa sociedade, liderada por xefes que baseaban o seu estatus no número dos seus seguidores, organizábase ao redor do parentesco e as familias organizábanse en clans que á súa vez formaban tribos. Foron sometidos paulatinamente polo Imperio Romano.

    5. s m [LING]

      Lingua do grupo continental das linguas celtas xa desaparecida. Documéntase a partir do s III a C en inscricións en alfabeto grego e latino, a maioría entre os ss I a C-I d C (antes xa na onomástica), nas Galias Transalpina (Francia, Bélxica, Suíza) e Cisalpina (val do Po).

    6. arte gala [ARTE]

      Arte desenvolvida na Galia antes da chegada dos romanos. Inclúese no movemento artístico dos celtas da segunda Idade do Ferro ou período de La Tène. A súa data de orixe pode establecerse no s V a C. Tiña unha función fundamentalmente decorativa e como fontes a abstraccion de formas do primeiro período do Ferro e elementos clásicos e orientais na representación das figuras humanas e animais. Deu lugar a unha arte inicialmente dedicada á metalurxia coa fabricación de armas, escudos, cascos e ornamentos dos vestidos, cheos de decoracións curvilíneas obtidas pola técnica do repuxado. A influencia mediterránea notouse na escultura, entre outros, no santuario de Entremont, destruído polos romanos no 124 a C. A relixión local marcaba as imaxes, sobre todo existía o culto á cabeza tallada, divindades bifrontais e monstros antropófagos, como a Tarasca de Noves. Destacaron tamén na cuñaxe de moedas con motivos gregos, que evolucionaron como consecuencia dun proceso de adaptación ata converterse en imaxes abstractas. A influencia da arte romana levou á perda desta tradición artística.

  1. adx e s

    Relativo ou pertencente a Francia ou aos seus habitantes.

    Ex: O primeiro ministro galo presidiu a reunión.

Palabras veciñas

Gallus, Jacobus | 1 galo | Galo | 2 galo -la | Galo, Asociación Cultural O | Galo, san | galo-