Galpón, El
Compañía de teatro creada en 1949 en Montevideo, é un dos colectivos máis importantes do teatro sudamericano da segunda metade do s XX. Nela traballaron directores como Atahualpa del Cioppo ou César Campodónico e persoas máis relacionadas co teatro español e galego como Bernardo Galli, Andrés Pazos ou José Estruch, un dos ideadores dunha Escola de Teatro propia. O seu proxecto artístico, que aposta pola renovación e a innovación, sempre estivo orientado á creación de espectáculos partindo da dramaturxia nacional, latinoamericana e universal. En 1951 abriron a Sala Mercedes e en 1969 a Sala 18 de Julio, con 169 e 650 butacas respectivamente, pero en 1973 a ditadura militar impuxo unha dura censura que finalmente pechou os teatros. Iniciaron así unha etapa no exilio, establecéronse en México, onde traballaron entre 1976 e 1984. De volta en Montevideo, a compañía iniciou novos proxectos e consolidouse como unha das compañías máis importantes do teatro independente.