gamba

gamba
  1. s f [ANIMAL]

    Crustáceo da orde dos decápodos, cun característico esqueleto externo, formado por unha substancia dura (quitina) que, ao cocer, adquire cor vermella. Son animais mariños, aínda que existe alguna especie de auga doce. Están formados polo cefalotórax e o abdome. Coma todos os crustáceos, para poder medrar, teñen que desprenderse do seu exoesqueleto e formar un novo recubrimento, proceso que se denomina muda. Os crustáceos macruros teñen oito pares de patas de distinto tamaño e configuración; os tres primeiros actúan coma pinzas para asir e esmiuzar as súas presas e os restantes serven para a locomoción. No abdome presentan apéndices que difiren segundo o sexo: os machos utilizan os dous primeros pares para o apareamento e as femias usan os seus para suxeitar os ovos que incuban. As pequenas larvas, chamadas nauplios, miden preto de medio milímetro, nadan cos apéndices cefálicos e forman parte do plancto.

  2. gamba rosada [ANIMAL]

    Crustáceo cunha lonxitude entre 10 e 18 cm, que chega a 22 cm, moi frecuente en case todo o Mediterráneo e no Atlántico oriental, dende Portugal ata Cabo Verde. Especie demersal que frecuenta os fondos fangosos desde os 80 m ata os 1.500. Pode efectuar grandes desprazamentos. O período reprodutor vai de maio a setembro, e viven tres ou catro anos. Comercialízanse frescas, refrixeradas ou conxeladas.