Gambino, Xosé
Escultor, fillo de Jacopo Gambino, un dos fundadores da fábrica de papel do Faramello. Foi o introdutor da estética rococó en Galicia. Traballou en Santiago de Compostela dende 1741, onde tivo un obradoiro no que se formou o seu xenro Xosé Ferreiro. Puido traballar no retablo de San Bieito de San Martiño Pinario (1742). Foi un dos colaboradores de Fernando de Casas na fachada do Obradoiro onde remodelou en 1742 as imaxes de san Xoán Evanxelista e santa Bárbara. Requirido polos franciscanos, realizou a imaxe de santo Antón no convento de Herbón, na que introduciu o tipo iconográfico do santo co Neno sostido por un só brazo, e as imaxes de san Francisco e san Domingos para o antigo convento de San Lázaro de Santiago, que se converteu na igrexa de San Lourenzo. En 1750 encargáronlle a realización das imaxes do retablo da capela do pazo de Oca, presidido pola imaxe de santo Antón. Entre 1753 e 1756 traballou no mosteiro de Oseira nos retablos do peche do cruceiro e do deambulatorio. En 1754 realizou o Santiago Peregrino da sala capitular da catedral de Santiago. Despois de 1757 volveu a traballar en Herbón onde realizou as imaxes de Nosa Señora, san Xosé e san Francisco, para a sancristía, e as de san Miguel, san Rafael e Santiago Peregrino para a enfermería e en 1758 o san Francisco que remata o retablo maior. Traballou tamén para o convento do Carme de Arriba, para a colexiata de Iria Flavia e para San Martiño Pinario, onde rematou o retablo maior e realizou as imaxes de santa Catarina (1764), os santos situados sobre as portas do coro e os dos miragres de san Martiño (1765). Para a fachada da Acibechería da catedral de Santiago realizou as imaxes das virtudes teologais pero, trala remodelación da mesma (1765), só permaneceu no seu lugar a representación da Fe. A imposición dos postulados neoclásicos reflitiuse nas súas obras nunha maior serenidade no movemento dos panos e nunha perda da dozura nos rostros, que se fixeron máis alongados. En 1763 realizou as imaxes do retablo maior de Santa Columba de Cordeiro e en 1766 os remates das tribunas da capela maior da catedral compostelá, onde tamén fixo, por encargo do gremio de acibecheiros, a imaxe de Santiago Matamouros. Volveu traballar con Francisco de Lens no retablo da Santa Cruz de Aranga e na parroquia de Santa María de Dodro, onde realizou a imaxe do Nazareno. Colaborou co seu xenro Xosé Ferreiro no conxunto escultórico do retablo do mosteiro de Sobrado dos Monxes (1770), no frontón que remata o pazo de Raxoi, onde realizou o relevo da batalla do Clavijo (1774) e nas esculturas do retablo maior de San Mamede de Carnota. Á súa morte, o seu obradoiro dirixiuno Xosé Ferreiro. Os seus fillos foron tamén escultores: Florencio Severo Gambino (Santiago de Compostela 1755-?) traballou en Ferrol, onde realizou un Ecce Homo e a imaxe de san Francisco de Asís na capela da Orde Terceira; Plácido Gambino , foi mestre maior de escultura dos Reais Arsenais de Ferrol (1798); Tomás Gambino , foi pintor e traballou co seu pai nas súas últimas obras e, trala morte deste, en Ferrol.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Faramello, Santa Mariña de Ribasar, Rois -
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela