Ganimedes
Satélite galileano de Xúpiter, descuberto por Galileo en 1610. O seu diámetro é de 5.256 km, polo que é o satélite máis grande do sistema solar; o seu raio orbital é de 1.070´103 km e ten unha masa 2,2 veces superior á da Lúa. O período de rotación, de 7,15 días, coincide co de revolución arredor de Xúpiter; é, polo tanto, un caso de rotación capturada, como o da Lúa. É moi probable que Ganimedes teña atmosfera. Suponse que a codia superficial está formada sobre todo por xeo, e que as zonas máis escuras que mostran as fotografías transmitidas polas sondas Voyager corresponden ás rexións máis antigas desta codia. Ten unhas rexións poligonais moi densamente poboadas con cráteres que lle dan un aspecto xeral semellante ao que presenta a Lúa, e tamén unhas rexións máis novas que presentan complexas redes de bandas lineais, estreitas e brillantes, de trazo irregular, que medran e se bifurcan en todas as direccións.