Garabal Louzao, Xosé
Pintor, decorador e restaurador. Formouse con Xoán Xosé Cancela del Río na Real Sociedad Económica de Amigos del País e foi discípulo de Federico de Madrazo na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid. Rematados os estudios, instalou o seu estudo en Santiago (1852) e opositou, sen éxito, fronte a Modesto Brocos para a praza de debuxo da Real Sociedade Económica de Amigos del País. Practicou unha pintura romántica e introduciu o costumismo en xéneros como o retrato, a paisaxe e a pintura relixiosa. A influencia de Madrazo reflitiuse nos seus retratos, xénero no que destacou; entre outros, cómpre salientar os do Cardeal Payá, o Cóengo Valenzuela, os Duques de Medinaceli e do Marqúes de Monroy, ademais da copia do retrato do Cardenal Cuesta de Dionisio Fierros. En 1858 con motivo da visita da Raíña Isabel II a Santiago de Compostela regaloulle unha acuarela do Pórtico da Gloria e en 1887 regalou dúas obras de tipos galegos ao Rei Afonso XII cando visitaba a cidade. Foi nomeado pintor e decorador da Casa Real. Con Celebridades compostelás recibiu a Medalla de Prata da Exposición Regional de Santiago (1876). Realizou, para a sancristía do convento de San Francisco de Santiago dous lenzos que representan a san Francisco peregrino na catedral e pedindo o terreo para edificar o seu convento aos monxes de San Martiño Pinario (1850). Como decorador e restaurador destaca o seu traballo na decoración do patio do arcebispo Malvar en San Martiño de Salcedo (1878), a restauración do altar maior da catedral compostelá co policromado das imaxes de Santiago e Salomé (1880), e a restauración e decoración do Recreo Artístico e os cafés Suízo e España de Santiago de Compostela. Así mesmo, pintou e decorou, entre outras, as igrexas de San Xulián de Mos e San Tirso de Manduas.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Deceso