García González, Constantino

García González, Constantino

Filólogo. Licenciouse en Filoloxía Románica pola Universidad de Oviedo e doutorouse na Universidad Complutense de Madrid coa tese Ideas Lingüísticas en España durante el siglo XVI (1958, premio nacional de investigación Antonio de Nebrija 1958, publicada co título Contribución a la historia de los conceptos gramaticales (la aportación del Brocense), en Revista de Filología Española, 1960). Desde 1951 foi bolseiro e colaborador do Instituto de Filología e do Comité de Latín Medieval Hispánico, ambos do CSIC. Foi profesor axudante das cátedras de Gramática Xeral e Gramática Histórica da Lingua Castelá (1953-1959), encargado do Seminario de Filoloxía Románica da Universidad Complutense de Madrid e colaborador do Seminario Menéndez Pidal, no que traballou con Ramón Menéndez Pidal e Rafael Lapesa na confección do Glosario del español primitivo (inédito). Ocupou o lectorado de castelán na Universidade de Bonn (1960-1966) onde colaborou cos profesores Harri Meier e E. Coseriu. En 1966 tomou posesión da cátedra de Filoloxía Románica da facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Foi decano da facultade de Filoloxía (1976-1977 e 1980-1983), e converteuse no primeiro decano da USC que leu en galego a lección inaugural do curso, Galego onte, galego hoxe (1977, traducido ao italiano por Giovanna Scalia Rossler co título II Galego, 1984). Dirixiu a revista Verba. Anuario Gallego de Filología, Cadernos de lingua e a Revista Galega do Ensino (1993-1994) e o programa Cousas da lingua, emitido pola TVG (1990-1994), no que tamén levaba unha sección de consultas sobre temas lingüísticos e léxicos. Traballou a prol dos estudios de filoloxía galega, e a el débenselle os primeiros traballos de investigación na universidade sobre o galego. Nesta liña impulsou diversos proxectos (como os Cursos de Lingua e Cultura Galegas para estranxeiros na USC) e institucións, como o Instituto de Idiomas, do que foi o seu primeiro director (1975-1984), o Instituto da Lingua Galega, que dirixiu entre 1971 e 1990, o Seminario de Lexicografía da RAG, que dirixiu entre 1987 e 1997, ou o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, do que foi coordinador científico (1994-2002). Ademais tamén destaca o seu labor como innovador na aplicación das novas técnicas de investigación e na didáctica das linguas. Cómpre destacar as súas obras Léxico de la comarca compostelana (1974), Recantos da lingua (1983), Temas de Lingüística Galega (1985), Glosario de voces galegas de hoxe (1985), Retrincos da lingua (1988), Cousas de lingua (1990), Cartafol de lingua (1990), Tesouros da lingua (1993), Glosas da lingua (1996) e El castellano de Galicia. Interferencias lingüísticas entre el gallego y el castellano (1998, en colaboración con Luisa Blanco). Ademais dirixiu, entre outras, as publicacións Lingüística románica (1977), Galego 1 (1971), Galego 2 (1972), Galego 3 (1973), Dicionario básico da lingua galega (1980), Atlas Lingüístico Galego. Morfoloxia verbal (vol I, t 1 e 2, 1990, codirixido con Antón Santamarina), Dicionario da lingua galega (1990, xunto con Manuel González González e A. Santamarina), Contribución ao léxico de Álvaro Cunqueiro (1991), Dicionario galego de termos médicos (2002, codirixido con Francisco Reyes Oliveros) e con M. González González codirixiu o Dicionario manual da lingua galega (1991), Pequeno dicionario da lingua galega (1993), Dicionario manual castelán-galego (1996) e Dicionario da Real Academia Galega (1997). É membro correspondente da Real Academia Española, membro numerario da Real Academia Galega (1982) e membro do Consello da Cultura Galega (1983).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Oviedo

  • Deceso

    Lugar : Santiago de Compostela