García-Sabell Rivas, Domingo

García-Sabell Rivas, Domingo

(Santiago de Compostela 8.10.1909 - Santiago de Compostela 05.08.2003) Escritor, político e médico. Estudiou medicina na Universidade de Santiago de Compostela, onde obtivo o premio extraordinario de licenciatura, e acadou o grao de doutor na Universidad de Madrid. Ademais, ampliou a súa formación en Suíza, Francia e Berlín co profesor Von Bergmann, creador da patoloxía funcional. Durante a súa permanencia na universidade compostelá foi presidente da FUE e estableceu amizade con Rafael Dieste, Manuel Antonio, Carlos Maside, Rof Carballo, Luís Seoane, Ánxel Fole e Álvaro Cunqueiro, entre outros moitos. Posteriormente, relacionouse con Castelao e Vicente Risco. Co estalido da Guerra Civil española non puido desenvolver a docencia universitaria e exerceu a súa profesión como médico, na que destacou como un experto en temas de nutrición e a súa relación co metabolismo. A chegada de Ramón Otero Pedrayo á Universidade de Santiago de Compostela, xunto á aparición da Editorial Galaxia en 1950, influíron na súa reincorporación á actividade pública e cultural. Na política e coa chegada da democracia a España, foi designado senador real durante a transición e delegado do Goberno en Galicia (1981-1996). Destacado conferenciante e ensaísta, colaborou en diversas publicacións. No eido do pensamento móvese dentro dunha liña antropolóxica, na que cómpre salientar o seu interese polas biografías de numerosos intelectuais e artistas galegos e estranxeiros como Rosalía de Castro, Luís Seoane, Jean P. Sartre, James Joyce e Van Gogh, e por diversos temas como o da saudade, a morte ou o erotismo. Destacado prologuista é autor de máis dun centenar de traballos e artigos relacionados coa medicina, da súa produción literaria cómpre subliñar as traducións Por qué nos quedamos na provincia? (1964), de Heidegger, Problemas humáns (1966), de E. Spranger, e Giacomo Joyce (1970), de James Joyce; e os libros Rosalía y su sombra (1952), Rosalía (1954), Luís Seoane (1954), Disculpa de Galicia (1955), Retrato de un médico gallego (1957), Américo Castro en su historia (1958), Picasso, empapelado (1965), Ensaios I (1963), Luís Seoane. Grabados (1965), Notas para una antropología de un hombre gallego (1966), A pintura como comunicación (1971), Testimonio personal (1971), Ensaios II (1976), Roberto Nóvoa Santos (1981), Carta ao pintor Luís Seoane (1983), A Coruña: onde nace a luz (1989), Análise existencial do home galego enfermo e outros ensaios (1991), Cen relembros (1993), Libro dos comentos (1996), Os gromos do pensamento (1996), Tempo de lecer (1998) e Paseata arredor da morte (1999). Editou tamén a Obra Completa de Manoel-Antonio (1972,1973 e 1979) en Galaxia. Formou parte do comité español da Guide International des Medicins, na que se encargou da edición de textos clásicos de medicina. Por outra banda, desenvolveu diversos relatorios na International Association for Cultural Freedom, con sede en París. Foi presidente da Real Academia Galega e académico de número das academias de Medicina e Cirurxía, Bellas Artes e Ciencias, presidente da Editorial Galaxia, membro fundador da Sociedad Española de Patología Digestiva e da Sociedad Española de Patología Psicosomática, asesor da Fundación March, socio de honor da Asociación de Biopatología Clínica de España, membro de número do Club de Roma e membro honorario estranxeiro do Ateneo de Historia da Medicina de Buenos Aires e da Sociedad Argentina de Humanismo Médico. Así mesmo, foi conselleiro da Fundación Penzol, do Padroado Ramón Otero Pedrayo e do Padroado Rosalía de Castro. Recibiu o Premio das Artes e das Letras de Galicia (1998) e a Gran Cruz de la Orden del Mérito Civil (10.5.2002).

Audio :