Gargantáns, San Martiño de
Gargantáns, San Martiño de
Igrexa parroquial situada en Moraña. Da primitiva construción románica só conserva o muro S e a ábsida, pois a nave sufriu moitas transformacións. A ábsida únese á nave cun cóbado a xeito de contraforte. Consta dun tramo recto e doutro semicircular dividido en cinco panos por catro columnas entregadas erixidas sobre un podio. No pano central consérvase un rosetón con chambrana de cinco fileiras de tacos, arquivolta lobulada, lóbulos en arco de ferradura e celosía perforada. Nos panos contiguos hai ventás semicirculares con celosías perforadas. O arco triunfal é de medio punto apoiado en columnas entregadas con capiteis vexetais.