Garzón Real, Baltasar

Garzón Real, Baltasar

Xuíz. En 1980 accedeu á carreira xudicial. Xuíz de primeira instancia e instrución e, desde 1983 maxistrado, en febreiro de 1987 o Consejo General del Poder Judicial nomeouno inspector delegado nos tribunais de Andalucía. En febreiro de 1988 tomou posesión como maxistrado do xulgado central de instrución nº 5 da Audiencia Nacional, con competencia en casos de terrorismo, narcotráfico, branqueo de diñeiro, delincuencia económica organizada e extradicións. Concorreu ás eleccións ao Congreso de los Diputados de 1993 como independente no segundo posto da candidatura do PSOE por Madrid; elixido deputado, en xuño dese ano foi nomeado secretario de EstadoDelegado do Goberno para o Plan Nacional Sobre Drogas. En maio de 1994 dimitiu dos cargos políticos e reincorporouse á Audiencia Nacional. Destacou polo seu labor a prol do establecemento do Tribunal Penal Internacional e a loita contra a impunidade nos delitos contra os dereitos humanos, así como pola persecución dos delitos de narcotráfico e terrorismo. Entre as distincións que recibiu destacan o Premio Nacional de Derechos Humanos (1990), o Premio á Solidariedade Internacional de Érguete-Vigo (1999), o Premio PORTAPAZ do Seminario Galego de Educación para a Paz (1999), a Medalla de Prata ao Mérito Policial (2000), a Medalla de Ouro ao Mérito do Plan Nacional sobre Drogas (2001), así como o grao de doutor honoris causa pola Universidad de Cuenca (Ecuador, 1999), Universidad Autónoma Tomás Frías de Potosí (2001) e Universidad Nacional de la Plata (2001).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Torres, Jaén