Gascoña
País de Francia, á beira do Océano Atlántico, situado entre o Garonne, ao N, e os Pireneos, ao S, dividido nos departamentos de Gers, Haute-Pyrénées (ambos os dous na rexión administrativa dos Midi-Pyrénées) e Landes (Aquitania) e parte dos departamentos de Gironde, Lot-et-Garonne Atlantiques (na Aquitania) e Tarn-et-Garonne, Haute-Garona e Ariège. A provincia romana Novempopulania foi denominada Gascoña polos vascóns ou gascóns, que se estableceron nese territorio desde o 561. O territorio incorporouse a Aquitania no 602 baixo o goberno do duque galorromano Genialis que adoptou unha política expansionista dende mediados do s VII. A invasión musulmá de Abd al-Ra ḥ man ibn ‘Abd Allāh al-Gāfiqī foi detida en Poitiers por Carlos Martel (732). No 768 produciuse o sometemento de Aquitania á dinastía franca merovinxia, que nomearon duque a Lupus (769) e converteuse no primeiro duque hereditario de Gascoña. Durante o reinado de Carlomagno producíronse novos enfrontamentos e o duque Sancho I tentou anexionarse a Gascoña. Despois da desmembración do Imperio Carolinxio e a aparición do feudalismo, constituíuse o ducado de Gascoña, con capital en Bordeos, que na época de Sancho II incluía a maior parte da Gascoña. Sucedeuno o seu fillo García I, pero, trala súa morte, os territorios dividíronse entre os seus fillos: Sancho III quedou co título de duque xunto co Béarn, as Landes e o litoral; Guillerme, co condado de Fesenzac e o Armagnac; e Arnau, co condado de Astarac. O duque Guillerme I, fillo de Sancho III, emprendeu unha política de achegamento aos países da outra vertente dos Pireneos e converteuse en conde de Bordeos, ademais de adquirir o Agenais e o Basades. Sucedeuno o seu fillo Sancho V e, trala súa morte sen fillos (1032), produciuse unha guerra pola sucesión que se prolongou ata 1040, ano en que o conde de Armagnac se apoderou do territorio. En 1052 vendeulle os seus dereitos sobre os territorios a Guido Godofredo, duque de Aquitania e conde de Poitiers (1058). En 1154 o territorio pasou á dinastía inglesa dos Plantagenet por enlace matrimonial e conservárono ata o 1453.