Gela
Cidade da provincia de Caltanissetta, na illa de Sicilia, Italia, situada na costa S da illa, sobre unha montaña e no centro da rada do mesmo nome (77.562 h [2000]). Ao N esténdese unha fértil chaira, onde no decenio 1950-1960 se encontraron extensos depósitos petrolíferos. Ten refinerías de petróleo e industria petroquímica. Fundada como colonia de Rodas e Creta (688 a C-687 a C), acadou o seu máximo esplendor no s V a C. Tralo traslado dunha gran parte da poboación por parte de Xelón a Siracusa, a cidade entrou en decadencia. En 1230 Federico II de Sicilia reconstruíuna co nome de Terranova de Sicilia, denominación que se mantivo ata 1927. Do seu patrimonio cultural destacan, entre outros, as igrexas de Santa Maria della Platea, San Francesco di Paola e a do Carmelo e os conventos de San Agostino e dos Benedettini della Badia.