Georgia

Georgia

Estado do SL dos EE UU (152.576 km2; 8.186.453 h [estim 2000]). A capital é Atlanta. O seu relevo presenta dous sectores ben diferenciados: o NO, montañoso, formado polos contrafortes dos Apalaches, e o resto do estado, ocupado pola chaira, que está formada por material arxiloso e calcario. O clima é subtropical. O sistema fluvial está determinado pola existencia do Blue Ridge, ao NO, que abre dúas vertentes, sobre o Atlántico e o golfo de México, respectivamente. As grandes extensións forestais determinan a existencia das industrias de papel para prensa. A agricultura dedícase ao algodón e ao tabaco. A gandería é sobre todo ovina, bovina e porcina. A poboación, concéntrase principalmente na área meteropolitana de Atlanta; a minoría de orixe afroamericana representa o 30%. Poboada polos cherokees e os creeks, cara ao 1660 instaláronse os misioneiros franciscanos españois. No 1732 constituíuse como colonia británica, froito dos esforzos de James Oglethorpe para proporcionar un lugar de acollida aos desertores e criminais ingleses e do desexo do goberno inglés de preservar as Carolinas dos ataques dos españois da Florida e dos franceses de Louisiana. O seu nome derivou do Rei Xurxo II. Ao comezar a Guerra de Secesión (1861) adheriuse aos sudistas.