Gerba ou Djerba

Gerba ou Djerba

Illa de Tunisia, situada no golfo de Gabes, próxima á costa (510 km2). Densamente poboada, con máis de 100 h/km2. Recibe menos de 200 mm de chuvias anuais, o que posibilita a existencia de cultivos de cereais de secaño; posúe tamén oliveiras, palmeiras e produtos de horta. Outra actividade destacada é a pesca, principalmente de esponxas. A capital é Houmt-Souk. Pertencente a Roma, foi ocupada polos musulmáns (655), polos normandos (1135) e polos almohades (1160). Conquistada polos cataláns de Roger de Lloria en 1284, durante vinte e cinco anos foi posesión da familia Lloria. Cara ao 1309 pasou a depender directamente do reino catalán de Sicilia, ata que foi recuperada polos tunisios (1335). No 1551 foi atacada pola monarquía hispánica; en poder de Dragut, Filipe II ordenou que se recuperase (1560), pero a flota foi vencida.