Gestapo
Policía política do estado nacionalsocialista alemán, creada en 1933 para combater os elementos subversivos. Foi organizada en Berlín por H. Göring ao servizo do partido nazi e dependente do ministerio de Interior. En 1934 incorporouse H. Himmler, xefe das SS, como novo inspector da Gestapo. Foi a forza represiva nazi máis importante e dispuxo de medios ilimitados para conseguir os seus fins; as súas decisións non necesitaban a aprobación dos tribunais de xustiza e, polo tanto, podía aniquilar calquera disidencia dentro do Estado e incluso dentro do partido. Destacou na represión dos grupos de resistencia dos países ocupados e na eliminación das minorías políticas e dos xudeus. Despois da vitoria dos aliados, os seus axentes foron detidos e condenados como criminais de guerra.