Ghana, reino de

Ghana, reino de

Antigo reino africano que se constituíu na rexión esteparia entre Senegal e o curso alto do Níxer, entre os ss III e XIII. Posiblemente foi fundado por unha dinastía de orixe bérber, pero no s VIII impúxose unha nova dinastía que estendeu os seus territorios e da que xurdiu o Imperio de Ghana. O seu poder baseábase no control da produción aurífera do Sudán occidental, que a poboación extraía de xacementos aluviais na estación seca, e das rutas de caravanas que unían esta rexión co Magreb. No s X o Imperio de Ghana acadou o seu apoxeo e despois de derrotar a confederación bérber (990) estendeuse ata Tombouctou polo L e Bamako polo S. O soberano exercía o poder político e relixioso, pero nas denominadas provincias imperiais delegaba o seu poder nos representantes dos principais clans territoriais. Nos territorios conquistados a administración local estaba nas mans dos gobernadores que rendían contas ao monarca. A economía articúlase ao redor da agricultura, a gandería e o comercio transahariano, que levaban ouro e escravos cara ao Mediterráneo e traían sal para comerciar cos países do S. Sufriu os ataques do Islam dende o s VIII e en 1076 os almorábides romperon a unidade polo que o N quedou sometido aos musulmáns, mentres a poboación non musulmá se refuxiou no S, que foi dominado polos reis de Sosso. Cara ao 1240 desapareceu, definitivamente, absorbido polo Reino de Mali.