Gil de Hontañón

Gil de Hontañón

Familia de arquitectos casteláns do s XVI. Juan Gil de Hontañón (? Cantabria 1480? Salamanca 1531?) formouse con Simón de Colonia e instalouse en Salamanca, onde interveu na catedral nova (1512). En 1513 nomeárono mestre maior da catedral de Sevilla con Alfonso Rodríguez. En 1521 trasladouse a Granada onde colaborou con Enrique Egas na catedral e en 1525 iniciou a catedral de Segovia. O seu fillo Rodrigo Gil de Hontañón (Rasines? Cantabria 1500-Segovia 1577) combinou a estética gótica coas novas tendencias renacentistas. Sucedeu a seu pai na obra da catedral de Segovia e traballou nas de Salamanca, Plasencia, onde foi mestre maior dende 1544, Astorga e Ciudad Rodrigo. En 1538 sucedeu a Juan de Álava como mestre maior da catedral de Santiago de Compostela, onde fixo a fachada do Tesouro e o claustro e interveu na fachada S. Atribúeselle unha casa situada na rúa de Tras de Salomé da que se conserva só o primeiro corpo organizado por catro arcos con medallóns. Realizou ademais o palacio Monterrey (1539) e a casa de La Salina en Salamanca, o palacio dos Guzmanes (1559-1566) en León, e a fachada da Universidad de Alcalá de Henares (1541-1553). O seu irmán Juan Gil de Hontañón o Mozo, traballou co seu pai en Salamanca e fixo a portada da igrexa do Sancti-Spiritus.