florentino -na

florentino -na

(< lat Florentīnu)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Florencia, aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s

    Natural ou habitante de Florencia.

  3. s m [LING]

    Dialecto do toscano, que contribuíu á formación da lingua literaria italiana, chamada toscana, gracias, principalmente, á obra de Dante Alighieri, Giovanni Boccaccio e Francesco Petrarca. Foi a base principal sobre a que se construíu o italiano.

  4. escola florentina

    Escola artística que se desenvolveu en Florencia desde o comezo do s XIV ata finais do s XVI. Prósperas familias de comerciantes e de banqueiros, en especial os Medici, fixeron da Florencia do Renacemento un centro de formación de artistas, que levaron o estilo florentino a case toda Europa. En arquitectura, F. Brunelleschi renovou o concepto medieval do espazo coa cúpula de Santa Maria dei Fiori; e L. B. Alberti tivo unha formación de acordo ás directrices do humanismo florentino e escribiu tratados teóricos sobre pintura, escultura e arquitectura. No campo da escultura, o concurso convocado en 1401 para a realización da segunda porta do baptisterio sinalou o inicio do período propiamente renacentista. Nel participaron, entre outros artistas, F. Brunelleschi e L. Ghiberti, que resultou gañador. Donatello e A. Pollaiolo son os representantes da expresión dramática, contida e violenta, mentres que Desiderio da Settignano, Mino da Fiesole, A. di Duccio e os Rosselino cultivaron un estilo grácil e preciosista. As dúas tendencias foron sintetizadas por A. Verrochio e na técnica da terracota vidrada destacaron os irmáns Andrea e Lucca della Robbia. A actividade de Michelangelo e dos seus seguidores en Florencia determinou a evolución da escultura cara ao manierismo. A pintura florentina, a finais do s XIII, foise liberando das fórmulas bizantinas. Cimabue iniciou o proceso innovador cara á inspiración do natural e Giotto renovou os motivos iconográficos, ordenou a composición nun sentido tridimensional e estudiou os efectos da luz. No s XV, as investigacións de Masaccio sobre a realidade figurativa e a representación do espazo convertéronse en patrón dos sucesivos estudios de P. Ucello e de A. del Castagno. Outra tendencia continuadora do espírito gótico foi a de Fra Angelico, Filippo Lippi, D. Veneziano e Filippino Lippi. Na segunda metade do catrocentos Antonio e Piero Pollaiolo, A. Verrochio e, sobre todo, D. Ghirlandaio introduciron o naturalismo flamengo, mentres que L. di Credi, P. di Cosimo e S. Botticelli contribuíron á prefiguración dunha nova corrente, ampliamente difundido no s XVI. Ademais cómpre destacar a actividade, aínda que breve, de Leonardo da Vinci, Michelangelo e Rafaello en Florencia.