Girona

Girona

Capital da provincia homónima, Catalunya (74.879 h [2001]). Situada na confluencia de catro ríos (Ter, Onyar, Güell e Galligants), está encaixada entre as formacións montañosas das Guilleries e Gavarres. A actividade industrial está diversificada (fábricas de embutidos, carrocerías, fábricas de mobles e de maquinaria de impresión). Coñecida polos romanos co nome de Gerunda, foi construída sobre un antigo núcleo urbano ibero. Liberada do poder musulmán no 785 por Carlomagno, converteuse nunha importante colonia xudía. Do seu patrimonio cultural destacan a catedral gótica con claustro romano, onde se conserva o tapiz da Creación (s XI), as igrexas de Sant Pere de Galligans, Sant Feliu e Sant Nicolau, o barrio xudeu do Call, a casa da Fontana de Oro e o palacio episcopal.