Glasgow

Glasgow

Capital da rexión de Strathclyde, Escocia, Reino Unido, no baixo Clyde (619.700 h [estim 1998]). É a verdadeira capital económica de Escocia, pola súa actividade comercial, financeira e industrial. Situada ao SO da depresión dos Lowlands, esténdese entre os Highlands e os Uplands do S. A existencia de xacementos de carbón explica o seu desenvolvemento industrial e o das áreas circundantes. A expansión demográfica da cidade iniciouse a comezos do s XIX. Posteriormente, tentou estabilizar a poboación cidadá promovendo traslados ás New Towns: Clydebank, Cumbernauld, East Kilbride, Hamilton, Motherwell e Paisley. A nova localización industrial planificouse coa creación de cinco polígonos (Hillington, Queenslie, Thornliebank, Carntyne e Craigton), que inclúen industrias moi diversificadas, como téxtiles, de confección, alimentarias, cervexeiras, de tabaco, papeleiras, de artes gráficas e de construción de maquinaria variada. É tamén un centro de ensino superior coa University of Glasgow, fundada en 1451. Coñecida polos romanos co nome de Cathures, a cidade desenvolveuse a partir de 1115 cando se converteu en bispado. Trala unión de Escocia e Inglaterra (1707) comezou a súa expansión grazas ao comercio coas colonias británicas. A acumulación de capital, a drenaxe do Clyde e a ampliación do porto permitiron un rápido crecemento que no s XIX se incrementou co desenvolvemento das industrias téxtiles, a minería, a metalurxia e a construción naval. Do seu patrimonio cultural destacan, entre outros, a catedral (s XII), Provand’s Lordship, as City Chambers (s XIX), o Glasgow Green e o Glasgow Art Gallery Museum.