Godoy y Álvarez de Faria, Manuel de
Político, cabaleiro de Santiago (1789-1808) e do Vélaro de Ouro (1892-1808), duque de Alcudia e de Sueca (1792-1808 e 1847-1851), grande de España (1792-1808) e príncipe da Paz (1795-1808). De familia fidalga, ingresou na Garda Real (1784), onde iniciou amizade co príncipe de Asturias e coa futura Raíña María Luísa. Tras unha rápida carreira militar substituíu o conde de Aranda como primeiro ministro (1792) e converteuse no valido de Carlos IV. Iniciou a guerra contra a Francia revolucionaria (1793-1795) que acabou co asinamento da Paz de Basilea (1795). A alianza cos franceses, confirmada trala sinatura do Tratado de San Ildefonso (1796), provocou o enfrontamento co Reino Unido (1796-1802 e 1804-1808), que finalizou coas derrotas da armada española no cabo San Vicente (1797) e Trafalgar (1805). Apartado do poder entre 1798 e 1801, reincorporouse ao goberno co título de xeneralísimo e derrotou os exércitos portugueses na Guerra das Laranxas (1801). As continuas contendas militares provocaron unha grave recesión económica, que tentou paliar por medio dunha desamortización que puxo en circulación un 15% das terras eclesiásticas na Coroa de Castela, e o nacemento dunha certa oposición dentro da aristocracia. Os seus inimigos, organizados ao redor do príncipe de Asturias, organizaron o frustrado proceso de El Escorial (1807) e o Motín de Aranjuez (1808), tralo que foi encarcerado e desposuído dos seus títulos e bens. En 1812 trasladouse xunto coa Raíña María Luísa a Italia e en 1832 a París, onde escribiu as súas Memorias (1836-1842). Foi rehabilitado nos títulos de capitán xeneral e duque de Alcudia e Sueca en 1847 por Isabel II.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Badajoz -
Deceso
Lugar : París