Gogh, Vicent William van

Gogh, Vicent William van

Pintor e debuxante holandés. Residiu na Haia, Londres, París e en diversas cidades holandesas e belgas. Traballou na galería Goupil e fixo de mestre, predicador e misioneiro. En Nuenen (1883-1885) fixo moitos debuxos e pintou cadros dunha evidente preocupación social, entre outros Os comedores de patacas (1885), caracterizados por un expresionismo e unha tonalidade escura. En París (1886-1888), onde coñeceu a P. Gaugin, E. Bernard, algúns impresionistas e a obra dos gravadores xaponeses, aclarou a paleta e pintou retratos, naturezas mortas e vistas da cidade con cores a miúdo arbitrarias e aplicadas con breves pinceladas. Entre outros, destacan, Autorretrato con sombreiro de feltro (1887), O restaurante de La Sirène (1887) e O padre Tanguy (1887). En 1888 chegou a Arles, atraído pola cor e a luz do sur. Viviu con P. Gaugin pero a causa dunha pelexa entre eles sufriu unha crise durante a que se cortou a orella esquerda, suceso que reflectiu en Autorretrato coa orella vendada. As formas fugazes e curvas, conseguidas con pinceladas de cores puras, caracterizaron os cadros dos seus dous últimos anos, cando os síntomas da súa enfermidade mental se agudizaron e ingresou nun hospital psiquiátrico preto de Saint Rémy. Destas últimas obras destacan Interior do café, de noite (1888), O Dr. Gachet (1890), Cuarto en Arles (1888) e Campo de trigo amarelo (1889). Pouco despois de chegar a Auvers-sur-Oise (1890), suicidouse. Consérvanse máis de setecentas cartas da correspondencia mantida co seu irmán Theo, co que estivo especialmente unido.

Cronología

  • Deceso

    Lugar : Oise, Île

  • Nacemento

    Lugar : Groot Zundert, Brabante do Norte

  • Deceso

    Lugar : France