Golem
Ser de barro, na tradición lendaria xudía, que cobra vida por medio dunha fórmula máxica -recollida no Libro da Creación de Eleazar de Worms (1160-1230)-, creado para protexer os xudeus dos ataques antisemitas. Orixinariamente esta palabra hebraica, que aparece unha soa vez na Biblia hebrea, significa ‘substancia amorfa’, materia a partir da que o Creador fixo o ser humano. A concepción do Talmud é que o Universo se formou coas letras e os números, instrumentos sagrados do poder de Deus; por tanto, o poder das palabras e das letras correctamente combinadas podería xerar efectos máxicos e crear seres vivos a partir da Nada, imitando a Deus. Xa no s XVI, a lenda do Golem estableceuse en Polonia, de onde se espallaría por toda Europa, a través de Paracelso e Goethe. Os relatos orixinais informan que o rabino polaco, Eliahu de Chel, creou un Golem de terra e deulle vida a partir do nome secreto de Deus; o ser resultante tiña aparencia humana e obedecíalle cegamente, pero carecía do don da fala e da vontade, porque non posuía alma. Un feito sellemante tamén se lle atribúe ao gran rabino de Praga, Judah Loew Ben Bezabel (1520-1609), mestre na Tora, no Talmud e na Cábala. A finais do s XVI, cando os xudeus eran víctima frecuente de ataques antisemitas e dunha política oficial discriminatoria, tivo un soño premonitorio en que recibía indicacións para salvar o seu pobo. Deste xeito, configurou un boneco de arxila que se transformaría nun Golem. Baixo os seus beizos, colocou un pergamiño onde escribiu o nome secreto de Deus “Yossi” e só obedecía ás súas ordes. Dez anos despois, cando a situación dos xudeus xa mellorara, o rabino deu por rematada a misión do Golem; así, en 1590, tiroulle o pergamiño e transformouse en po.