goliardo -da
(< fr antigo gouliard)
-
adx e s
Que ou quen leva unha vida desordenada e dedicada á gula e aos vicios.
-
s
m
Nome que se daba na Idade Media a cada un dos cregos e monxes, escolares vagabundos dos mosteiros, que facían vida libre e percorrían as cidades europeas. Esta denominación procede do latín vulgar goliardus, derivación do francés antigo gula que pode vir de goliard ‘home dado á gula’ e Goliat (latinizado Golias -ae ‘inimigo, rebelde’), xigante bíblico filisteo considerado símbolo diabólico. Ensaiaron novos metros e ritmos e impulsaron unha poesía vital e satírica, cunha concepción epicúrea da existencia, inspirada tanto nas composicións populares como nos cultos desde Horacio e Ovidio ata os contemporáneos. Cunhas normas, temática e técnicas propias (xogo de palabras, bromas de escola, parodias e reivindicacións de xustiza e liberdade), utilizaron tons satíricos e desvergoñados para referirse ao amor, á xuventude, ao viño, ao diñeiro, ás mulleres e á primavera, criticando a sociedade contemporánea e parodiando cancións relixiosas, especialmente o mundo eclesiástico, cunha manifesta actitude crítica con respecto á Igrexa oficial e ao poder establecido do seu tempo. Cando acadaron un maior auxe foi nos ss XII e XIII; aínda que daquela xa se desenvolveran as linguas romances, estes escolares, chamados tamén cregos -equivalente a “ilustrados”, é dicir, formados nos estudios clásicos das escolas monásticas- compoñían os seus poemas en latín. Fronte a unha cultura absoluta -a cristiá-, que simboliza na luz do Sol a iluminación divina, preconizan o culto á Lúa que lle ensina ao home a tomar conciencia do paso do tempo e a valorar o fuxitivo, o pracer do momento. Un dos precursores da lírica goliardesca foi Sedulio Escoto o Irlandés, que chegou a Liexa cara a 848. A maioría destas composicións recolléronse en cancioneiros colectivos, como o Carmina Burana. Lieder ans Benediktbeuern (1847), colección de 228 poemas compostos en Baviera na primeira metade do s XIII, en latín vulgar e con fragmentos en alemán e francés antigo, o Carmina Cantabrigensia, Carmina Arundelliana ou o Carmina Riuipullensia.